A Universidade da Coruña celebra o Día Mundial do Medio Ambiente coa entrega dos Premios Sustentabilidade a traballos de fin de grao e máster

Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente que se celebra hoxe, a Universidade da Coruña vén de entregar de forma virtual os II Premios Sustentabilidade a traballos de fin de grao e de máster

Na modalidade de Traballos de Fin de Grao (TFG), resultou gañador o proxecto “Aprendizaje-Servicio en la difusión de información científica: el caso de la avispa asiática (Vespa velutina)” da alumna do Grao en Bioloxía, Facultade de Ciencias, Yaiza Rodríguez Lueje, titorizado pola profesora María J. Servia García. O traballo tiña por obxectivo avaliar o grao de coñecemento do público sobre distintos aspectos relacionados coa avespa asiática e valorar posibles melloras nas actividades de divulgación científica sobre a mesma. Para isto, identificáronse e cuantificáronse as capturas accesorias dunha trampa de avespa asiática e realizouse unha revisión do papel polinizador dos dípteros presentes entre as capturas accesorias. O traballo centrouse nos concellos de Oleiros e Abegondo. Os resultados indican que as respostas do público foron na súa maioría incorrectas e na trampa estudada só o 1% das capturas correspondían a Vespa velutina.

Na modalidade de Traballos de Fin de Máster (TFM) acadou o primeiro premio Rosalidia Álvarez Hernández con “Estudo de sistemas pasivos para evitar problemas respiratorios en interiores de vivenda situados en lugares de clima húmido e ventoso”, estudante do Máster Universitario en Edificación Sustentable da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica, titorizada polo profesor Santiago Pintos Pena. Este proxecto presenta unha investigación centrada na calidade de aire interior e en atopar as ferramentas que permitan a súa mellora, atendendo a un lugar concreto, a costa galega desde o golfo Ártabro ata a serra do Barbanza, e baixo as cuestións medioambientais, sociais e económicas que fundamentan a sustentabilidade. Líganse contaminación, benestar, saúde, redución de tóxicos, asma e rinite alérxica, e dáse importancia á adecuada ventilación, á renovación das masas de aire, ao uso de materiais, ben con capacidade de regular a humidade, ben de eliminar tóxicos do ambiente. Aténdese aos estándares e ás estratexias pasivas que poden conseguir mellorar o ambiente interior e contribuír así ao desenvolvemento sustentable.

Ademais destes premios, entregáronse segundos premios e varios accésits en cada unha das modalidades.

En TFG:

II Premio:

Estudante: Marta Lamigueiro Durán

Proxecto: Patrimonio forestal sostible en Galicia, o eucalipto

Grao/Centro: Grao en Dereito / Facultade de Dereito

Titor: Francisco Javier Sanz Larruga

Accésits:

Estudante: Itziar Fernández Somme

Proxecto: Healthy and plastic-free food supermarket: feasibility and shareholder value creation analysis

Grao/Centro: Grao en Administración e Dirección de Empresas / Facultade de Economía e Empresa

Titores: Anxo Ramón Calvo Silvosa, Emilia Luísa García Arthus, Fernando de Llano Paz

 

Estudante: Paula Gómez Meijide

Proxecto: Oral bioavailability of polycyclic aromatic hydrocarbons in atmospheric particulate matter

Grao/Centro: Grao en Química / Facultade de Ciencias

Titores: Jorge Moreda Piñeiro, Purificación López Mahía

 

En TFM:

II Premio:

Estudante: Luis Antonio Ruíz Sánchez

Proxecto: Estudo de viabilidade do aproveitamento hidráulico para a xeración de electricidade no encoro de Pontillón de Castro

Máster/Centro: Máster Internacional en Enxeñaría da Auga / ETS de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos

Titora: Acacia Naves García-Rendueles

 

Accésits:

Estudante: Blanca Astray Uceda

Proxecto: Procesos de oxidación avanzados para a degradación de β-bloqueantes en augas doces naturais

Máster/Centro: Máster en Ciencias, Tecnoloxías e Xestión Ambiental / Facultade de Ciencias

Titor: Moisés Canle López

 

Estudante: Xerardo García Laxe

Proxecto: Sistema de xeración distribuída en instalacións portuarias: Porto Exterior de Ferrol

Máster/Centro: Máster Universitario en Eficiencia e Aproveitamento Enerxético / Escola Universitaria Politécnica, Ferrol

Titor: Antonio Enrique Masdías Bonome

 

Todos os traballos premiados publicaranse nun libro editado pola Universidade da Coruña, ademais cada primeiro premio recibirá 800 euros e cada segundo, 400€.

Os premios están convocados pola Oficina de Medio Ambiente da UDC, dependente da Vicerreitoría de Infraestruturas e Sustentabilidade. A vicerreitora Amparo Casares destaca como relevante, ademais da alta calidade dos traballos presentados, a súa diversidade que supón “un indicador da vinculación curricular da sustentabilidade ás titulacións da Universidade da Coruña”. Para o adxunto de Sustentabilidade, director da Oficina de Medio Ambiente, Manuel Soto, “os premios achegan estudos e solucións á crise ambiental, pero tamén á responsabilidade social da UDC, tomando en consideración os tres piares da sustentabilidade, o ambiental, o económico e o social, no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da ONU para 2030”.

Nesta edición presentáronse un total de 27 propostas de 12 centros distintos.

A Universidade da Coruña vén desenvolvendo nos últimos anos un programa de mellora continuada para a sustentabilidade con programas específicos como Green Campus, elaboración de plans sectoriais en mobilidade, eficiencia enerxética, uso sustentable da auga e xestión de residuos, entre outros. O intenso traballo realizado viuse recoñecido coa concesión de cinco bandeiras Green Campus e a posición 93 a nivel mundial no ránking internacional GreenMetric de sustentabilidade nas universidades.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *