A Universidade da Coruña retrasa o inicio do próximo curso ao 21 de setembro

O Consello de Goberno da Universidade da Coruña, reunido esta mañá nunha sesión virtual, aprobou o calendario académico do próximo curso que comezará o vindeiro 21 de setembro, o que supón un retraso con respecto ao curso actual que se iniciou o 9 de setembro de 2019, mentres que o remate do curso manterá os seus prazos e finalizará o 31 de agosto de 2021

Esta demora no inicio está motivada pola adaptación ao novo calendario da Proba de Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade, e pola preparación do próximo curso nun escenario nestes momentos incerto.

Ademais do cambio no comezo do curso, o calendario académico modifica o seu período lectivo. O primeiro cuadrimestre irá do 21 de setembro ao 15 de xaneiro de 2021 e o segundo cuadrimestre, do 8 de febreiro ao 21 de maio (este curso foi do 9 de setembro ao 20 de decembro o primeiro cuadrimestre, e do 28 de xaneiro ao 15 de maio, o segundo).

Así mesmo, varían as datas de avaliación. As materias do primeiro cuadrimestre avaliáranse entre o 18 de xaneiro e o 5 de febreiro; e as do segundo, do 24 de maio ao 14 de xuño. A segunda oportunidade (os antigos exames de setembro) serán do 28 de xuño ao 19 de xullo.

As actividades académicas docentes interromperanse desde o 23 de decembro de 2020 ata o 8 de xaneiro de 2021 (ambos os dous días incluídos); os días 15 e 16 de febreiro de 2021 e desde o 29 de marzo ao 5 de abril de 2021 (ambos os dous incluídos). Terá carácter festivo o 29 de xaneiro de 2021 polo traslado da festividade do Día da Universidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.