A Xunta organiza o luns un webinario dirixido a profesionais do turismo para reforzar información sobre medidas de seguridade fronte á COVID-19

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que está aberto a todos os interesados, que poderán formular as súas dúbidas e consultas. Trátase dunha actividade divulgativa para que poidan coñecer de primeira man as iniciativas adoptadas e os recursos informativos dispoñibles

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo organiza para o vindeiro luns, 8 de xuño, un seminario web dirixido aos profesionais lucenses do turismo, no que se abordarán as medidas adoptadas no marco do programa ‘Galicia, destino seguro’, entre as que destacan as accións orientadas a reforzar a información sobre as novas medidas e protocolos que debe adoptar o sector no ámbito hixiénico-sanitario.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que a xornada comezará ás 12.00 horas e desenvolverase a través da plataforma institucional para videoconferencias da Xunta, Cisco Webex. O acceso é sinxelo e gratuíto e a actividade está aberta a todos os profesionais do ramo interesados en participar, que deben inscribirse previamente. (Poden facelo no seguinte enlace)

Entre os destinatarios principais desta acción están restaurantes, bares, cafeterías e terrazas, hoteis e apartamentos turísticos, aloxamentos rurais, albergues, axencias de viaxe, balnearios, campings, turismo activo e ecoturismo, campos de golf, guías de turismo e responsables das oficinas de información turística.

O webinario contará coa presenza de persoal técnico do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), de Turismo de Galicia e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), entre outros.

Galicia destino seguro

Balseiro apuntou que a Xunta e o sector turístico traballan no programa Galicia, destino seguro, que inclúe unha batería de accións para mellorar a información, asesoramento e formación das empresas e profesionais turísticos galegos en materia de seguridade sanitaria, así como apoio económico para adecuarse á situación actual.

O obxecto da xornada é que os profesionais deste ámbito poidan coñecer de primeira man as medidas adoptadas e os recursos informativos dispoñibles, así como formular as súas dúbidas e consultas.

Teléfono de información

O delegado lembrou que para resolver dúbidas do sector turístico en materia de seguridade sanitaria, a Xunta habilitou o teléfono gratuíto 900 815 334, dispoñible en horario de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas; ademais do enderezo electrónico info-galiciadestinoseguro@xunta.gal.

Así mesmo, a web www.turismo.gal/galiciadestinoseguro. ofrece información actualizada relacionada coa covid-19, incluída unha serie de manuais e carteis que recompilan os requisitos esixidos a diferentes tipos de establecementos e axentes do sector no actual contexto sanitario.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.