AAVV Novo Mesoiro amosa o seu malestar polo uso do Polígono de Vio como circuito improvisado de carreiras

A Asociación Veciñal de Novo Mesoiro vén de amosar publicamente o seu malestar ante o que eles manifestan surrealista situación que se está vivindo no polígono abandonado de Vío ao terse convertido nun circuíto ilegal de carreiras improvisado

Segundo denuncia a entidade veciñal, desde hai 5 anos, os trazados viarios desta zona téñense convertido en rúas onde se celebran, cada fin de semana, e mesmo algunha que outra vez por semana, competicións de habilidade e de velocidade entre vehículos.

E advirten que desde o xoves desta pasada semana, sobre todo na fin de semana, e ininterrompidamente, foron varios os vehículos que até altas horas da madrugada empregaron Vío para facer este tipo de actividades, coincidindo co incidente protagonizado por 4 rapaces a principios da mesma.

“Estas actividades ilícitas prodúcense a partir do solpor, aproveitando o abandono das rúas do polígono de Vío e, por tanto, a falta de vixilancia algunha por parte dos propietarios desta zona. As prolongadas rectas entre parcelas, as rotondas grandes e amplas e o trazado entre o val de Pocomaco e o monte da Pena Loureira son unha invitación á práctica ilegal destas competicións e atraen a un grupo, que chegou a ser de 20 coches o día que máis participantes detectamos” sinalan desde a Asociación.

Segundo a veciñanza de Novo Mesoiro, a principal distorsión que produce estas carreiras, que continúan até altas horas da madrugada, son os ruídos dos motores e das freadas e as “intencionadas queimas de roda, que poden chegar a escoitarse no Castro de Elviña”, destacan. “Porén, continúan, a seguridade, tanto da veciñanza, como das persoas que practican estas prácticas debe ser a prioridade que motive a actuación da administración para impedir estas concentracións automobilísticas, xa que logo, calquera incidente pode resultar fatal”.

Deste xeito, o colectivo demanda da administración local, que tome as medidas contundentes correspondentes para impedir a celebración destas concentracións. Tanto para cos participantes das mesmas como para con quen consinte que se celebren, isto é, os propietarios do polígono.

“Entendemos incríbel a situación. O acceso ao polígono só se pode realizar por un viario desde Pocomaco e controlar ese acceso a vehículos é responsabilidade dos propietarios do polígono. E se non se responsabilizan exiximos que todos os custos que se xeren desde a administración para desmontar o circuíto ilegal, no que se ten convertido, repercutan nos seus petos”, conclúen desde a A.V. de Novo Mesoiro.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

doce + tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.