ACADAR segue traballando polo empoderamento das mulleres con discapacidade e a súa inserción laboral

O Programa de Empoderamento e Activación para o Emprego de mulleres con discapacidade adaptouse á situación de confinamento, prestando a atención de maneira telemática

Durante a crise orixinada polo COVID-19, a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) continuou traballando de maneira online e telefónica na promoción do empoderamento e activación para o emprego das mulleres con discapacidade, ademais de realizar asesoramento sobre axudas e medidas adoptadas na situación de estado de alarma.

ACADAR deu continuidade ao programa de Empoderamento e Activación para o Emprego que se desenvolve en Galicia a través dun convenio entre COCEMFE (Confederación de Personas con Discapacidad Física y Orgánica) e o programa Incorpora da Fundación “la  Caixa”, tendo como obxectivo contribuír ao empoderamento das mulleres con discapacidade como proceso que fomenta a súa autonomía social e económica e que serve como motor para a activación para o emprego naquelas mulleres con discapacidade en desemprego de longa duración e/ou en situación de maior vulnerabilidade.

Por  mor do confinamento, as accións presenciais substituíronse por contactos a través de videoconferencias, correo electrónico e teléfono, co fin de que ningunha muller con discapacidade se sentira soa e que puidera seguir exercendo os seus dereitos.

Este programa atendeu durante o ano pasado a un total de 117 mulleres galegas con discapacidade. Os 93 itinerarios personalizados de inserción sociolaboral e as 551 horas de atención individual proporcionadas, conseguiron que un total de 32 mulleres con discapacidade foran inseridas laboralmente. Outras actividades contempladas por este programa foron 23 horas de formación e sensibilización ademais de 312 horas dedicadas a  habilidades prelaborais e alfabetización tecnolóxica.

A día de hoxe, as mulleres con discapacidade teñen menos recursos económicos derivados da actividade laboral ou procedentes do sistema público de protección social, ao que se suman maiores dificultades para o acceso á educación, formación, emprego e ao sistema sociosanitario, así como a unha maior incidencia dos diferentes tipos de violencia.

Segundo o Instituto Nacional de Estatística, no ano 2017, só o 25,6% das mulleres con discapacidade atopábanse ocupadas en relación ao emprego e ademais, as mulleres con discapacidade asalariadas percibiron 8.743,5 euros menos de salario medio bruto anual que os homes sen discapacidade, 3.249 euros menos que os homes con discapacidade e 2.837,2 euros menos que as mulleres sen discapacidade.

As mulleres con discapacidade de Galicia interesadas en participar Programa de Empoderamento e Activación para o Emprego contactar con Ainhoa López, a través do correo electrónico igualdad.galicia@cocemfe.es  e o teléfono 673 142 212.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.