Adxudicada a construción da senda peonil e ciclista na estrada LU-633 en Portomarín

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos teñen un prazo de execución de seis meses. Farase un itinerario de 260 metros pola marxe esquerda da calzada para mellorar a seguridade dos peóns en xeral e dos miles de peregrinos que percorren o Camiño Francés

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou a obra de construción dunha senda peonil e ciclista nunha marxe da estrada autonómica LU-633 en Portomarín, nun treito de 260 metros que forma parte do percorrido do Camiño Francés.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o Portal de Contratos Públicos de Galicia vén de difundir a adxudicación dos traballos, á emrpesa Ovisa, por un importe de 239.858 euros e un prazo de execución de seis meses.

Balseiro explicou que o novo itinerario servirá para mellorar as condicións de seguridade dos peregrinos e dos peóns en xeral no seu percorrido por esta zona, desde a baixada do Camiño de Santiago -fronte ao albergue situado a esa altura da LU-633- ata a entrada da ponte de acceso á vila de Portomarín.

O delegado lembrou que este espazo “é un dos accesos principais á localidade para os miles de peregrinos que realizan a ruta xacobea, tanto a pé como a cabalo ou en bicicleta”. A senda farase pola marxe esquerda porque dese xeito é posible executar un itinerario continuo sen ter que cruzar a vía. No punto de inicio localízanse as escadas de baixada do Camiño Francés na beira dereita, polo que nesa parte complementarase cun pequeno treito de senda a ese lado da calzada e un paso de peóns.

Para acometer as obras será preciso executar pequenos desmontes e corrixir terrapléns. Nun treito incorporarase unha estrutura en voadizo para dispor dun ancho adicional, que contará cunha varanda. A finalidade da obra é ampliar a sección actual para poder albergar os elementos da nova plataforma, que servirá para reforzar a seguridade das persoas que se desprazan a pé, evitando que teñan que circular polo arcén.

Con este proxecto, concluíu o delegado, “o percorrido ganará en seguridade á vez que se aposta por un modelo de mobilidade sostible vinculado a unha práctica que cada vez é máis común nas nosas vilas e cidades: o uso de sendas peonís e ciclistas”.

Cómpre lembrar que nesta mesma estrada, a Xunta vén de adxudicar á empresa Bascuas por 48.300 euros a obra de modernización das beiravías e da varanda de seguridade emprazadas, neste caso concreto, ao outro lado do encoro. Amais entre os PK 73+120 e o 73+360. Executarse no mes de xullo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.