Arangüena: “As Fragas do Eume esmorecen ante a neglixencia e pasividade da Xunta”

O cabeza de lista do PSdeG por A Coruña e vicesecretario do PSdeG denuncia que “en 11 anos a Xunta non foi capaz de aprobar o PRUX para defendelo”

O cabeza de lista do PSdeG por A Coruña e vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, visitou hoxe Pontedeume e as Fragas do Eume co seu alcalde e afirmou que mentres o eucalipto invade ano tras ano novos espazos do parque natural das Fragas o Eume, o goberno de Feijóo leva 11 anos sen aprobar o Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) que garantiría a súa defensa e ordenación, e permite todo tipo de agresións ao parque en lugar de ordenalo e poñelo en valor.

O candidato engadiu que o único interés da Xunta polo parque foi a recente foto que se fixo a conselleira e que a aprobación do PRUX acumula xa máis de dúas décadas de retraso, mostra do desinterés e incompetencia da Xunta.

“Nin os concellos interesados nin os propietarios dos terreos incluídos no parque coñecen o documento que prepara a Xunta, da que só se sabe que di que está traballando nel”, afirmou.

Tras censurar este «total desinterese pola conservación do patrimonio natural galego» , engadiu que a Xunta está “fora de xogo” en materia medioambiental e completamente allea ás posibilidades da nova economía verde, «que para Feijóo é algo de ciencia-ficción”

O cabeza de lista do PSdeG pola Coruña salientou que esta demora na aprobación do Plan implica, ademais dunha incerteza sobre os usos das Fragas, “un crecente risco de que se volvan producir incendios forestais coma o de 2012”, que arrasou o 10% da superficie do mellor bosque atlántico costeiro de Europa.

“O parque non só é un patrimonio que conservar, senón un recurso do que obter proveito e que encaixa nas directrices e obxectivos do novo pacto verde que impulsa a UE”, significou.

Lembrou tamén que o Concello ofreceu un aparcamento disuasorio de 5.000 metros cadrados para evitar as aglomeracións e o descontrol no acceso que se producen constantemente, «dando a imaxe insólita dun parque natural no que se mezclan caóticamente coches e sendeiristas». «A Xunta nin sequera respostou», dixo Arangüena.

O candidato comprometeu o apoio do PSdeG á protección do parque, garantindo a aprobación do PRUX no prazo dun ano dende o 12X, así como a dotación de recursos económicos que permitan darlle un maior valor ao parque e compensen á poboación que vive dentro dos seus límites, como xa se fai noutras Comunidades Autónomas, convertindo as Fragas nun parque de referencia e ben xestionado: “as posibilidades do parque son tan grandes como o desinterés da Xunta”.

Acompañaron a Arangüena os candidatos Begoña Rodríguez , Bruno Díaz e Manolo Santiago, o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández e outros membros da corporación local.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.