Ás 23:44 horas deste sábado comezará o verán

A última hora do vindeiro sábado día 20, ás 23:44 horas, o Sol estará xusto no punto Cáncer da eclíptica ou solsticio de xuño, dando así comezo á estación estival no hemisferio norte

Esta prolongarase ata as 15:31 do 22 de setembro, sendo a estación mais longa das catro. Como explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, aínda que están anunciadas algunhas eclipses para as vindeiras semanas, “a anelar de Sol vai ser practicamente só visible como tal en Asia, e a eclipse penumbral de Lúa do 5 de xullo, tal como xa aconteceu nas outras semellantes de xaneiro e xuño, vai pasar desapercibida para o gran público” dado que nestes casos a Lúa séguese a ver enteira aínda que reflicte menos luz do Sol. Como curiosidade, o profesor Docobo sinala que en 2020 van ter lugar catro eclipses penumbrais de Lúa.

A partir de agora existe a posibilidade de poder observar con prismáticos ao amencer o cometa C/2020 F3 (Neowise), descuberto hai tres meses polo telescopio espacial do mesmo nome. Como sinala o director do Observatorio, o cometa verase ver mellor ao longo do mes de xullo, “sobre todo na segunda quincena pero neste caso na noitiña, logo do crepúsculo vespertino”. Outro evento destacable serán as Perseidas, “que todos os anos puntualmente se mostran por San Lourenzo”.  Este ano, coa Lúa en tendencia minguante, “vanse dar unhas condicións moi favorables especialmente nas noites dos días 11 ao 12 e na noite do 12 ao 13 de agosto cando se prevé o máximo de actividade desta ‘choiva de estrelas’”, concreta José Ángel Docobo.

Este verán, os planetas Xúpiter e Saturno -“as xoias da coroa” en opinión do profesor Docobo- estarán presentes todas as noites. A contemplación da Vía Láctea dende lugares sen contaminación lumínica é outro dos atractivos do ceo estival, aclara o director do Observatorio Astronómico.

Nota meteorolóxica

En base aos datos recompilados na estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, remata unha primavera mais ben seca na contorna de Compostela pero de contrastes típicos desta época do ano, engade o astrónomo.  No comezo da estación non houbo precipitación, para logo abril ser un mes con pouca insolación.

Maio trouxo ao final de mes temperaturas de verán e agora xuño caracterizouse por temperaturas excesivamente suaves. Isto último xa ten acontecido noutros moitos anos, basta con lembrar a temperatura máxima acadada o 9 de xuño de 2018 con 13º2. Porén, no mes de maio rexistránronse en Compostela catro dias con máximas por riba dos trinta graos, destacando os 33º2 do día 28. Neste senso, Docobo lembra que en 2019 a temperatura máxima absoluta anual se rexistrou o 31 de maio con 33º7. A abundante nubosidade de abril fixo que os termómetros non subiran de 22º9 pero a cambio as mínimas non foron moi baixas. A insolación deste mes foi “moito menor do que é normal, medíndose pouco mais de cen horas” precisa o profesor Docobo.

En canto á choiva, salvo abril con 200 litros/m2, o resto do tempo estivo por baixo do habitual. En maio caeron só 66,9  litros/m2 e no que vai de xuño, 29,2 l/m2.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.