As empresas de Carballo que estiveron paralizadas durante o estado de alarma xa poden adherirse ao programa de bonos

O prazo para formalizar a participación estará aberto dende o 22 de xuño ata o 20 de xullo

O programa de bonos do Concello de Carballo para a reactivación da economía local bota a andar coa apertura do prazo de inscrición para as empresas interesadas en participar. Só teñen que cumprir dous requisitos: que a súa actividade se vise afectada polo peche de establecementos decretado durante o estado de alarma e dispoñer de TPV.

O prazo de participación estará aberto dende o 22 de xuño ata o 20 de xullo, e as inscricións realizaranse a través do formulario ao que podes acceder premendo aquí. Calquera consulta ou dúbida relacionada co programa atenderase exclusivamente a través do correo electrónico promocioneconomica@carballo.gal.

A participación obriga ás empresas a colocar os materiais informativos da campaña nun lugar visible dos establecementos, a utilizar a imaxe oficial do programa en calquera publicidade ou promoción que realicen e a comunicar ao Concello de Carballo calquera incidencia ou mal uso dos bonos que poidan observar nas súas instalacións.

Unha vez remate o prazo de adhesión das empresas abriremos o de solicitude de bonos para todas as persoas maiores de 18 anos e empadroadas en Carballo. Para estudantes e desempregados/as serán gratuítos, polo que recibirán 30 euros; mentres que o resto da cidadanía poderá adquirir por 20 euros un bono por valor de 50, implicando deste xeito a toda a poboación activa na reactivación da economía local.

“Pensamos que é unha fórmula eficaz e xusta, na que se utilizan criterios de transparencia, equidade, concorrencia e igualdade, e, sobre todo, coa que se consegue reinvestir o diñeiro de todas e todos na economía local”, sinala o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira.

Ademais de aplicar un criterio de universalidade social local, xa que os bonos estarán a disposición de todas as persoas maiores de idade, o programa contribúe a fomentar a economía circular, porque só serán válidos en Carballo; a reactivar a economía, porque poderán gastarse nas empresas afectadas pola declaración do estado de alarma, e a implicar a toda a cidadanía no reto da reactivación e o consumo local, amplificando o sentimento de pertenza a Carballo. A campaña terá impacto tanto na zona urbana coma na rural, xa que poden participar todas as empresas con domicilio fiscal ou actividade en calquera parroquia, e ademais, dado que haberá que gastar os bonos nun prazo determinado ata fin de ano, garántese a recuperación do consumo a curto prazo. A maiores, a iniciativa persegue a sensibilización da poboación máis nova co consumo de proximidade fronte ás grandes superficies e a venda online e ofrece ás empresas participantes a oportunidade de fidelizar a súa clientela.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.