Avia Veira pídelle a Xunta que “planifique xa o próximo curso académico en diálogo coa comunidade educativa”

Avia Veira critica que Feixóo lle preste máis atención ao retorno das verbenas do que a volta ás aulas

A concelleira do BNG Avia Veira vai defender, no Pleno deste xoves 4X, unha moción a través da cal a Corporación municipal insta a Consellaría de Educación a que planifique xa o próximo curso académico e que o faga con todas as garantías sanitarias, contemplando a combinación de ensino presencial con docencia on line, contratando máis profesorado e coa diminución da fenda dixital como obxectivo.

Na exposición de motivos, a edil nacionalista critica que Feixóo pareza máis preocupado polo retorno das verbenas do que pola volta ás aulas. “O certo é que sabemos o calendario da Liga de Fútbol Profesional, sabemos que vai acontecer coas verbenas, cedo soubemos cando íamos poder volver tomar unhas cañas coas amigas, pero continuamos sen saber nada sobre en que condicións se vai desenvolver o próximo curso académico”, di Veira, daí que “presentemos esta moción para que a Xunta se poña as pilas, e se poña a planificar o curso, contemplando todos os escenarios posíbeis, unha planificación que necesariamente ten de ser consensuada co conxunto da comunidade educativa”.

Con esta iniciativa, o BNG insta a Xunta a que faga unha análise pormenorizada de “cal é o acceso ás ferramentas informáticas e á rede” por parte do alumnado galego, co propósito de “corrixir a fenda dixital que nesta crise se revelou como moi grave no noso país”.

Desde que se decretou o Estado de Alarma a actitude da Xunta, denuncia Veira, foi a de “botar balóns fóra” e de procurar culpábeis no Ministerio de Educación, sen tomar ningunha iniciativa positiva, quer no que atinxe á fenda dixital quer no que que ten a ver coa fenda social. “É evidente que á hora de prestar axuda nos seus estudos aos seus fillos e fillas hai unha desigualdade moi grande entre as familias con máis recursos económicos e cun maior nível académico e aquelas que se achan nunha situación máis vulnerábel. E perante esta realidade a Xunta non fixo absolutamente nada”, salienta.

Familias monoparentais, ou con nenos e nenas que teñen necesidades especiais de atención educativa, ou con pais e nais que traballaban en servizos esenciais (e que por tanto tiveron grandes problemas de conciliación) non acharon na Xunta o necesario amparo, remarca Avia Veira, o que obviamente fixo que o ensino de nenos e nenas se resentise durante o longo período de confinamento.

Agora é o momento de rematar coas incertezas e de que a Xunta ofreza seguridade ás familias e á comunidade educativa cunha adecuada planificación do próximo curso académico, defende Veira nesta moción.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.