Betanzos abre a área de autocaravanas

O goberno local anunciou a apertura da zona de estacionamento de autocaravanas para atender os desprazamentos que pode haber na provincia e, a partir do próximo luns, na fase 3, a mobilidade entre provincias

A decisión foi tomada despois de que xa se habilitasen uns protocolos para o funcionamento deste tipo de áreas e unha vez que algúns dos cámpings da provincia recuperaron a súa actividade. Para a apertura deste espazo levaron a cabo diversos traballos de desinfección.  A zona conta cunha superficie de 4.998  m2, dos cales 1.226,50  m2 destínanse á área de servizo para autocaravanas. Conta cunha zona de estacionamento-pernota das autocaravanas por un tempo limitado con capacidade para 12 vehículos, unha zona de espera xunto á plataforma e unha zona específica de localización de servizos ou plataforma (auga, saneamento) que a fai un referente neste tipo de servizos.

O goberno local explicou, ademais, que está á espera de novas normativas en relación á fase 3 para abrir de novo os parques infantís e as instalacións deportivas descubertas municipais. Estes equipamentos continúan pechados como consecuencia do Covid-19 á espera de coñecer “protocolos ou autorizacións para poder abrir estes espazos públicos”.

Nesta mesma situación atópase a área canina situada na zona da estación, que tamén se abrirá tan pronto se definan os protocolos.

Servizos Sociais

A nivel departamentos municipais, o  Concello irá abrindo de forma paulatina todos os departamentos ao longo deste mes de xuño. Tras abrir a biblioteca municipal, o arquivo e o Museo, o último en incorporarse foi o de Servizos Sociais, coincidindo, ademais, que apertura dos prazos legais de varias prestacións municipais que dependen desta área.

Este departamento, pola situación xerada pola  Covid-19 e a afectación social que está a ter, ampliou os horarios de atención ao público “para cubrir a demanda que está a xerar esta crise e atender as consultas que quedaran pendentes”.

O Concello estableceu un protocolo de funcionamento do servizo atendendo as distintas fases de  desescalada e volver conseguir a normalización da actividade, garantindo unha correcta atención á cidadanía con total seguridade e protección tanto para o persoal como para as persoas atendidas.

A atención ao público realízase en horario de mañá e tarde, polo que durante o mes de xuño o persoal traballará por quendas. Esta organización permitirá reducir os tempos de espera das persoas para ser atendidas e cumprir coas limitacións no aforo. As citas pódense solicitar vía telefónica ou a través do correo electrónico habilitado para tal fin.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *