Betanzos reactiva a recuperación do Pasatempo tras publicarse o decreto de declaración BIC no BOE

A crise sanitaria paralizou durante este últimos tres meses as reunións de traballo e planificación das actuacións entre administracións

Boletín Oficial do Estado publica hoxe o Decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural o parque do Pasatempo, e continúa así os trámites iniciados no seu momento polo propio Concello ante Patrimonio reflectido no Decreto de 6 de febreiro da Xunta, publicado no Diario Oficial de Galicia.

A publicación no BOE viuse alterada, canto aos prazos, pola Covid-19. No entanto, para a alcaldesa, María Barral, trátase dun paso máis, moi importante e necesario para “poder desenvolver a recuperación deste espazo. Unha figura, a súa declaración BIC, que permitirá optar a fondos económicos aos que até agora non se podían chegar”.

A alcaldesa recoñeceu que este tres últimos meses “non avanzamos o que nos gustaría nos aspectos relacionados co Pasatempo, despois da declaración como BIC de Patrimonio da Xunta a principios de febreiro. A crise do Coronavirus atrasou o proceso e as reunións que tiñamos previstas con outras administracións. A publicación de hoxe no BOE fará que se volvan a retomar as reunións de traballo e que “avancemos na planificación, aínda que, non como estaba previsto, xa que a nosa intención era que esta programación quedase fixada con bastante anterioridade ás eleccións autonómicas”.

De todos os xeitos, a primeira edil indicou que por parte do Concello “retomaremos as reunións de traballo coa Xunta para avanzar nestes aspectos, xa que temos que recuperar o tempo perdido canto antes”. Mantén que agora toca “encargar, tal e como anunciou o goberno galego, un proxecto técnico integral, para o que temos moitos aspectos avanzados, e logo planificar as actuacións, que nós queremos executar por fases a tenor do que nos explicaron en varias ocasións o persoal técnico”.

Precisamente, unha destas fases que “por necesidade e urxencia” ten  que ser a primeira, é a de recuperación do “Estanque do Retiro”. Trátase dun proxecto, encargado polo Concello,  para o que xa se conta co informe favorable de Patrimonio. O seu financiamento formará parte das actuacións que se financien nun convenio entre a Deputación e o Concello, para o que hai dispoñibles 750 000 euros.

Con todo, a crise sanitaria tamén atrasou os trámites para que se puidese aprobar no Pleno da corporación provincial o mencionado convenio e, por tanto, “tampouco se puideron sacar a contratación os traballos. Sabemos que a Deputación tamén retomou o tema e agora agardamos que canto antes leve a Pleno o convenio. A mellora do Pasatempo é un compromiso do propio presidente provincial que desde o primeiro instante mostrou o seu compromiso para achegar fondos e iniciar a recuperación do parque en colaboración con outras administracións”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.