Concello e Afundación colaboran para cubrir as necesidades de alimentación dos menores de Pontevedra en situación vulnerable

O acordo de cooperación irá o luns a Xunta de Goberno para a súa aprobación e permitirá proporcionar ata 170 menús diarios, de luns a venres, a través do Programa de Intervención Social

A concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, levará o luns a Xunta de Goberno Local para a súa aprobación o convenio de colaboración entre o Concello de Pontevedra e Afundación para o desenvolvemento do Programa de Intervención Social posto en marcha nas sete grandes cidades galegas pola institución privada co obxectivo de atender as necesidades de alimentación dos menores de idade en situacións de vulnerabilidade social e/ou risco de pobreza. En base a este acordo, a Obra Social de Abanca proporcionará de xeito gratuíto ata 170 menús escolares diarios, de luns a venres, nos puntos de distribución física que ambas partes establezan.

Tal e como constata a edil de Benestar Social, o Programa de Intervención Social de Afundación pretende dar resposta “á realidade derivada da crise da Covid-19 e ao agravamento das situacións de vulnerabilidade e risco de pobreza, particularmente das familias con menores ao seu cargo, subministrando menús a este colectivo durante o período de verán”. “Agradecemos a boa disposición que Afundación tivo en todo momento para pechar este acordo de colaboración, que será tremendamente beneficioso para garantir que aos rapaces do municipio máis vulnerables non lles falte un prato de comida. O convenio terá vixencia entre o 1 de xullo e o 9 de setembro, coa posibilidade de prórroga”, subliña Castro.

Segundo establecen as súas cláusulas, aos Servizos Sociais do Concello correspóndelles facilitarlle a Afundación a información sobre o número de menús axeitados para fornecer diariamente, así como poñer a disposición da institución os puntos de distribución física.

A Concellería de Benestar Social tamén colaborará no correcto desenvolvemento e execución do Programa, en particular coa/s empresa/s contratadas por Afundación, e encargarase de asignar un número personalizado a cada familia, de xeito que a Administración Local unicamente dará a coñecer ese número á firma xestora dos menús, non transmitíndose ningún dato de carácter persoal e garantíndose o anonimato das persoas usuarias.

Afundación porá os menús a disposición dos beneficiarios gratuitamente, conforme á información dos Servizos Sociais, nos puntos de distribución física que ambas partes concreten. Asemade, efectuará os labores de vixilancia e control dos menús escolares, garantindo a aplicación da normativa sanitaria vixente.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

veinte + 7 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.