Converten o bagazo en abono e pesticida de calidade para a vide

O proxecto Vitalver no que toman parte científicos das universidades de Santiago e Vigo demostrou a eficacia da vermicompostaxe na biotransformación dos bagazos de uva Albariño e Mencía

Científicos da USC e da UVigo analizaron as posibilidades que ofrecen as miñocas de terra e a vermicompostaxe para a economía circular e a viticultura sostible mediante o desenvolvemento dun ciclo integrado que permite converter in situ o bagazo, tanto fresco como destilado, xerado na industria vitivinícola, en vermicompost de alta calidade con propiedades bioestimulantes e de defensa da vide. Ao longo do proxecto Vitalver procesáronse máis de dez toneladas métricas de bagazo mediante vermicompostaxe e o proceso reduciu substancialmente a biomasa inicial e transformouno en vermicompost, un abono orgánico rico en nutrientes, microbioloxicamente activo e estabilizado, do que se poden separar facilmente as sementes.

A separación das sementes elimina a fitotoxicidade residual asociada aos polifenois no vermicompost. As sementes poden procesarse facilmente para obter extractos ricos en polifenois, antioxidantes e aceite rico en ácidos graxos saudables. “Os efectos do vermicompost nas vides, nas uvas e no viño estudáronse durante varias tempadas de cultivo en catro viñedos de Mencía de Adegas Moure: un viñedo maduro con cepas de máis de 25 anos, dous viñedos novos con cepas de cinco anos, e un viñedo con cepas recentemente plantadas”, explica a catedrática da USC Marta Lores, unha das responsables do proxecto.

“Fixéronse experimentos de biofertilización con vermicompost sólido, líquido e aplicacións de spray foliar, fronte a vides control, abonadas segundo os protocolos estándar da adega”, continúa a profesora. Terras Gauda seleccionou 6,5 hectáreas de viñedo en dúas contornas con características edafoclimáticas diferenciadas, ás que se incorporou no último ano unha parcela de Caíño Branco en desenvolvemento que se replantara recentemente. “Unha vez comprobado que a utilización de vermicompost de bagazo de uva mellora a estrutura do chan e favorece a presenza de microorganismos beneficiosos para a saúde da planta, ampliouse o alcance para coñecer o seu efecto como bioestimulante e xerador de defensas naturais”, explica Lores.

Máis de 3000 cepas

Durante o proxecto tomáronse e analizáronse mostras de chan, follas e uvas de máis de 3000 cepas de Mencía e Albariño. A fertilización con vermicompost e a aplicación do mesmo en forma de spray foliar nas partes aéreas produciu unha diminución das enfermidades causadas por fungos  fitopatóxenos.

Durante tres colleitas consecutivas elaboráronse 1000 litros de viño con uvas de cepas abonadas con vermicompost, e 1000 litros con uvas das cepas control. No caso do Mencía, as fermentacións foron espontáneas, é dicir, realizadas polos fermentos propios das peles das uvas e chamou a atención a “explosión aromática no tanque de fermentación do viño experimental” en palabras de Adrián Rodríguez, enólogo e compoñente da nova xeración de Adegas Moure. Evaristo Rodríguez, xerente e director técnico de Adegas Moure sinala que “as diferenzas entre o viño experimental e o viño testemuña son salientables e significativas, máis do que podiamos esperar. Visualmente, o viño experimental presenta unha maior viveza e mocidade. No nariz, preséntase sen reducións, aberto e expresivo. E na boca é profundo, persistente e máis complexo”. En canto ao Albariño experimental, o ácido málico foi netamente máis baixo, o que o suaviza e o fai máis amable; e o pH foi inferior, o que indica maior estabilidade no viño. Finalmente, na cata a cegas das tres colleitas destacou sempre o viño experimental, tanto polos seus aromas como polo seu equilibrio gustativo, untuosidade e lonxitude, explica Emilio Rodríguez Canas, director enolóxico de Terras Gauda.

A evolución dos polifenois e dos aromas dos viños das tres colleitas, de 2017 a 2019, estudouse nos laboratorios do grupo LIDSA na Facultade de Química, nunha investigación levada a cabo por Marta Lores e o seu equipo. Utilizando técnicas cromatográficas acopladas a espectrometría de masas (LC-MS/ MS, GC-MS/ MS) analizáronse os principais marcadores polifenólicos e aromáticos en mostras tomadas en oito etapas da vinificación, dende o mosto ata o viño final. Os resultados analíticos das tres anadas confirmaron claramente os matices sensoriais percibidos na cata.

Financiamento

Vitalver é un proxecto de I+D+i no que xunto a Adegas Moure (DO Ribeira Sacra) e Terras Gauda (DO Rias Baixas) participaron os equipos de investigación de Jorge Domínguez, catedrático de Zooloxía da Universidade de Vigo e da propia Marta Lores, responsables científicos do proxecto. Cun orzamento global de 917.448 euros, este proxecto está cofinanciado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) con fondos FEDER da Unión Europea, a través do Programa Operativo Plurirrexional de Crecemento Intelixente 2014-2020.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.