Entregadas case 760.000 unidades de protección contra o coronavirus aos centros asistenciais de Lugo desde o inicio da crise sanitaria

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que o Goberno galego completa hoxe o décimo envío, con 67.000 unidades para máis dunha trintena de entidades sociais públicas e privadas

A Xunta de Galicia leva entregadas 758.600 unidades de material de protección contra o coronavirus ás residencias e centros asistenciais da provincia de Lugo desde o inicio da crise sanitaria.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que desde a primeira achega, a principios de abril, o Goberno galego subministrou a 121 centros lucenses un total de 331.000 guantes, 366.700 máscaras e pantallas faciais, 15.000 batas e mandís, 40.700 gorros e calzas, así como botes e garrafas de xel desinfectante.

Estas cifras inclúen o envío que se completou entre onte e hoxe, que neste caso supuxo a entrega de 67.200 unidades a 62 centros. Entre o equipamento distribuído nesta ocasión contabilízanse 30.500 luvas, 33.357 máscaras e pantallas faciais, 233 batas e mandís, 1.300 gorros, 1.500 calzas,  273 botes de hidroxel e 66 garrafas de desinfectante.

Estas entregas estanse a realizar a través da plataforma loxística que a Xunta puxo en marcha para centralizar a adquisición e a distribución de material de protección durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria por mor do coronavirus.

Balseiro salientou que estes repartos están a chegar a todas as residencias de titularidade pública e privada da provincia de Lugo que constan no rexistro autonómico, incluídas as de propiedade municipal ou da Deputación e as dependentes da Consellería de Política Social.

Con esta medida, a Administración galega pretende garantir a axeitada protección dos profesionais que traballan nestes centros coidando aos colectivos máis vulnerables ao contaxio por coronavirus.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.