FEGADACE solicita á Xunta “a reactivación dos centros de día e ocupacionais para persoas con discapacidade”

Constatada a situación de “emerxencia terapéutica e social” nos fogares con persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), xunto coas súas cinco asociacións membro (ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela) remitiu onte un escrito á Consellería de Política Social no que lle solicita á Xunta de Galicia que “reconsidere e rectifique” a medida anunciada o pasado venres 29 de maio pola que se retrasa a activación dos centros de día e ocupacionais para persoas con discapacidade ata o 1 de setembro de 2020.

O movemento asociativo do dano cerebral expresa esta necesidade perante a situación de “emerxencia terapéutica e social” na que se atopan as persoas e familias con dano cerebral adquirido despois de 80 días sen actividades terapéuticas de rehabilitación e de inclusión. FEGADACE e as súas asociacións constatan un “deterioro global” nas dimensións física, psicolóxica e cognitiva das 1.100 persoas con dano cerebral ás que en conxunto atenden en toda Galicia.

Unha situación que compromete de xeito determinante a autonomía e a calidade de vida das persoas con dano cerebral (deteriorando a situación ou impedindo a recuperación de capacidades, é dicir, provocando unha maior dependencia), pero que ten repercusións tamén nas familias, que desde a declaración do Estado de Alarma e a interrupción dos servizos de atención e rehabilitación o pasado 13 de marzo, encárganse de atender nos fogares ás persoas con dano cerebral, cun custe físico e emocional altísimo.

Retorno seguro á actividade

FEGADACE e as súas asociacións levan semanas traballando nun Plan de Continxencia e en Protocolos de Actuación Específicos para a volta segura aos centros, así como aprovisionándose de EPIs e outros materiais de protección e hixiene. Seguindo un principio de prudencia, o movemento asociativo pretende o retorno inmediato aos centros, tal como reclama o 65% das familias de persoas atendidas.

As familias e persoas con dano cerebral representadas por FEGADACE son conscientes de que non existe o risco cero, polo que presentan á Consellería unha serie de propostas para garantir unha atención segura nos centros para as persoas con dano cerebral e para as máis de 100 profesionais encargadas da súa atención, coidado e rehabilitación. Do mesmo xeito, reclaman que, se segue sen ser posible a volta, se faciliten mecanismos para que as persoas con dano cerebral e as súas familias poidan recibir os servizos e tratamentos terapéuticos necesarios de maneira ambulatoria e/ou nos seus domicilios.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.