FEGADACE traslada ás catro principais forzas políticas a necesidade de reactivación dos centros e outras demandas para as persoas con dano cerebral adquirido

A Federación remite un documento de suxestións para mellorar a situación das familias con esta discapacidade ao PP, PSdeG-PSOE, BNG e Galicia En Común

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) elaborou un documento coas principais ‘demandas do colectivo do dano cerebral adquirido en Galicia’ que trasladou ás catro principais forzas políticas que concorren ás eleccións ao Parlamento de Galicia o vindeiro 12 de xullo. As candidaturas do PP, PSdeG-PSOE, BNG e Galicia En Común recibiron a primeiros desta semana as propostas do colectivo do dano cerebral adquirido, que reúne a case 1.900 familias en Galicia.

FEGADACE púxose á disposición das persoas candidatas para aclarar calquera cuestión relacionada coas súas reivindicacións, co obxectivo de que estas poidan ser absorbidas polos catro programas electorais, sempre na perspectiva da mellora da calidade de vida das persoas e familias con dano cerebral e do benestar da sociedade en xeral.

Reactivación trala emerxencia sanitaria

Como xa formulou directamente ao actual goberno da Xunta de Galicia, a Federación explica no documento de demandas a necesidade de reactivación dos centros de día e ocupacionais para persoas con dano cerebral. As asociacións membro de FEGADACE definen a situación causada pola COVID-19 e posteriores medidas de alerta sanitaria de “emerxencia terapéutica e social”, constatan un enorme deterioro das capacidades e retroceso no estado xeral das súas persoas usuarias, e refiren unha sobrecarga que está a colocar ao límite ás familias e persoas coidadoras.

Por iso se demanda a reactivación inmediata, avaliando individualmente a capacidade de cada centro e asociación para a prestación de todo o seu abano de servizos (non só rehabilitación, senón tamén inclusión, lecer, información, orientación laboral, asesoramento a familias, etc.).

Demandas no ámbito asistencial

O feble sistema de atención á dependencia non é quen, polo momento, de chegar a todas as persoas e familias con dano cerebral, nin de prestarlles a atención interdisciplinar que precisan en base á complexidade da súa discapacidade. É por iso que FEGADACE formula diferentes demandas no ámbito asistencial para, en primeiro lugar, evitar a ruptura asistencial que se produce no momento da alta hospitalaria por calquera das causas do dano cerebral (ictus, traumatismo…).

FEGADACE expón no documento como se debería acadar un modelo de atención baseado en equipos interdisciplinares, con programas de atención individualizada -trátase dunha discapacidade moi complexa, con diferentes secuelas que afectan de maneira distinta a cada persoa- que teñan en conta non só á persoa senón tamén á familia.

Estratexia Galega de Atención e censo de persoas con dano cerebral

A nivel estratéxico, en combinación coas medidas concretas e as necesidades inmediatas, o movemento asociativo tamén expón as súas demandas máis estruturais, destinadas sobre todo a definir cuantitativa e cualitativamente o modelo de atención.

Reclámase unha Estratexia Galega de Atención ao dano cerebral; cun modelo de atención universal e inclusiva; que chegue a todas as persoas con dano cerebral, identificadas a través dun censo; que se impulse a investigación; que se remate cos copagamentos; e que se mellore a colaboración entre a administración e o movemento asociativo do dano cerebral.

O documento elaborado por FEGADACE comeza presentando moi brevemente a situación do colectivo e inclúe outras propostas para os ámbitos educativo, laboral e da accesibilidade universal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.