Fremap bonifica con 6.500 euros ao Concello de Narón pola baixa sinistralidade laboral en 2019

A Dirección Xeral da Seguridade Social autorizou a través dunha resolución, bonificar ao Concello de Narón cunha partida de 6.516 euros en concepto da baixa sinistralidade laboral rexistrada durante o ano 2019

A alcaldesa, Marián Ferreiro, recibiu no Concello ao director da delegación de Ferrol da mutua Fremap, Joaquín García, que lle entregou unha mención honorífica para o Consistorio “por distinguirse durante o exercicio na contribución da redución da sinistralidade laboral, dacordo cos requisitos establecidos no Real Decreto 231/2017, de 10 de marzo”.

Dende o ano 2010 o Concello naronés recibiu periodicamente diferentes contías en concepto da diminución e prevención da sinistralidade laboral. A realización de actividades preventivas e accións formativas sobre riscos laborais dirixidas ao persoal que traballa no Concello, nomear a un responsable de prevención na área, e vixiar a saúde dos traballadores e traballadoras, entre outros, son algunhas das cuestións a ter en conta á hora de conceder este recoñecemento ao Concello, que conta dende o ano 2005 cun Comité de Seguridade e Saúde Laboral.

A alcaldesa agradeceu o recoñecemento outorgado dende a Fremap ao Concello e destacou o traballo do persoal do Comité de Seguridade e Saúde Laboral do Concello e a colaboración, “fundamental”, subliñou, de todo o persoal do Consistorio para poder acadar esta distinción e garantir a seguridade de todas e todos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.