Investigadoras da Facultade do Deporte analizan os hábitos deportivos no confinamento pola COVID-19 cunha enquisa con 2.500 participantes

A imposición do confinamento como medida para xestionar a situación da crisis sanitaria provocada pola COVID-19 supuxo que a maior parte da poboación tivera que modificar os seus hábitos sociais, físicos e laborais
Un dos recursos máis recorrentes para manter o benestar durante este período foi a práctica de actividade física dende a casa, e unha das vías máis populares para dita práctica, foi a online. A rede multiplicou o seu contido relacionado coa práctica física, e moitas persoas profesionais do ámbito da actividade física e do deporte tiveron que adaptarse á situación e aproveitarse desta vía de difusión para continuar coa súa actividade laboral. Os vídeos en YouTube, as publicacións en Instagram ou as rutinas mediante videochamadas xa eran opcións posibles antes do estado de alarma, pero parece que o confinamento fixo que o uso destes recursos aumentase no ámbito da actividade física.
Este feito motivou que dúas graduadas en Ciencias do Deporte (Lucía Noia e Mónica Rodríguez), xunto con tres doutorandas (Manuela Vázquez, Claudia López e Marina Castro), que forman parte do grupo de investigación “Educación, Saúde e Actividade Física: Estudos de Xénero”, se propuxeran realizar un estudo, titorizadas por Cristina López Villar, profesora contratada doutora da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física e Vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte da UDC, que analizase o efecto que tivo o confinamento sobre o consumo da actividade física vía online. Usando como principal ferramenta unha enquisa en liña, esta investigación pretende coñecer se se modificaron os hábitos das persoas usuarias da práctica física online tras o período de confinamento e, ademais, descubrir as preferencias da poboación sobre o contido, a plataforma usada e o perfil profesional ao que recorren. Para todo isto, neste momento, xa rematou a recolección de datos e estase a realizar unha análise dende a perspectiva de xénero, tendo en conta outros factores persoais e sociais que poidan influír nos hábitos e decisións da poboación, dunha mostra de máis de 2.500 participantes.