Marín controlará o aforo das praias cun sistema informático de conteo que ofrecerá en tempo real a ocupación

A veciñanza poderá coñecer a través dunha aplicación que se presentará nos vindeiros días, así como a través da páxina web e das redes sociais do Concello, cal é a ocupación da praia. Utilizarase un sistema de tipo semáforo, con catro niveis: baixo, medio, alto e completo

O Concello de Marín leva traballando de xeito continuo desde o inicio da desescalada para artellar unha solución eficaz e tecnoloxicamente factible para poder levar a cabo un control preciso do aforo dos areais, que supoñen un gran reclamo turístico tanto para a propia veciñanza como para aqueles que chegan desde diversos puntos da comunidade autónoma.

De xeito preliminar, encargóuselle a unha empresa topográfica a delimitación do aforo máximo de cada unha das praias tanto con marea baixa como en pleamar. A cifra resultante desta última situación será a que se teña en consideración de cara a establecer a ocupación total do areal.

Coñecendo estes datos, o control comezará a realizarse a partir do 1 de xullo e até que finalice a tempada de verán, utilizando un sistema de conteo informático que se está comezando a instalar estes días, que é capaz de xerar o dato en tempo real do número de persoas que están en cada momento en cada unha das praias.

Este sistema instalarase en Portocelo, Mogor, Aguete e Loira. Os datos que se vaian xerando volcaranse nun sistema informático que os traducirá a un semáforo de ocupación con catro niveis: baixo, medio, alto e completo. Esta simboloxía, fácil de interpretar por todo o mundo, estará dispoñible en diversas plataformas para a consulta popular da mesma: a través dunha aplicación que se presentará nos vindeiros días, a través da páxina web do Concello e a través das redes sociais.

Os datos estarán actualizados practicamente en tempo real, de tal xeito que se alguén quere acudir a un areal concreto poderá saber con antelación como está a praia nese momento.

Ademais, todos os areias contarán con carteis informativos non só das medidas de hixiene e de prevención que se deben tomar durante a estancia na praia, senón tamén do aforo máximo sobre o que se realizan as medicións de ocupación.

Tamén se instalará megafonía coa que recordar en todo momento aos usuarios das praias a necesidade de non relaxar as medidas impostas polo decreto da Nova Normalidade que rexe actualmente a desescalada na nosa comunidade.

Por outra banda, o Concello informa de que se reforzou a plantilla da Policía Local para intensificar a vixilancia e para controlar en todo momento eses datos que xerará o sistema de conteo, cos que se poderá saber se a praia aínda admite máis usuarios ou se é necesario clausurala.

Seguridade por riba de todo

Coa implantación deste sistema, “o que procuramos é facer das nosas praias un destino seguro, garantindo deste xeito o cumprimento da normativa nun dos espazos máis utilizados na nosa localidade durante o verán”, explicou esta mañá a alcaldesa, María Ramallo.

Así a todo, a rexedora segue apelando “á necesidade de que teñamos responsabilidade individual, que sexamos conscientes de que temos moito nas nosas mans e que debemos ter sentidiño”.

Aforo por cada praia

Para realizar a medición dos aforos máximos en pleamar das praias realizouse seguindo os criterios recollidos no decreto da Nova Normalidade publicado no DOGA, é dicir, reservando catro metros cadrados como a superficie que pode ocupar cada persoa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.