Marín fai un balance “moi positivo e sen incidentes” das noites de San Xoán e San Pedro

Non se deron incidentes importantes en ningún dos dous casos e a veciñanza que acudiu ás fogueiras cumpriu coas medidas de prevención e hixiene esixidas dentro do decreto de nova normalidade que actualmente está en vigor na nosa comunidade autónoma
O Concello de Marín quixo realizar esta mañá un balance positivo das noites de San Xoán e da de San Pedro, que tivo lugar onte, e nas que se permitiu a celebración e a conmemoración da tradición popular de acender fogueiras.
No caso de San Xoán, a noite por excelencia desta costume, o comportamento e o cumprimento das normas esixidas foi “óptimo”. “Estamos moi satisfeitos e orgullosos da boa resposta que tivemos por parte da veciñanza”, aseguran fontes municipais, xa que todas as persoas que acudiron ás fogueiras públicas autorizadas cumpriron cos requisitos de seguridade e de prevención fronte ao coronavirus incluídos no decreto da nova normalidade.
A propia Policía Local aseguraba nun comunicado que o transcurso da noite “foi normal e houbo moi bo comportamento” por parte da cidadanía, grazas ás afluencias controladas a través dos aforos, especialmente na fogueira máis grande que se fixo, que foi a de Cantodarea.
O Concello quere agradecer aos organizadores desta fogueira, Amijos e Vesiños de Cantodarea, a súa implicación e o seu esforzo para que este balance sexa tan positivo e para que Marín non quedase sen celebrar o seu San Xoán, pero sempre dun xeito controlado e seguro.
En total, en San Xoán autorizáronse 6 fogueiras públicas e 98 privadas e aproximadamente unha ducia de locais de hostalaría asaron comida nos exteriores dos seus establecementos. Por outra banda, na noite de San Pedro autorizáronse 28 solicitudes para fogueiras privadas.