Noé López “Coma todo fisterrán levo a SD Fisterra marcada a lume. E aínda non, pero seguro que os nosos camiños voltarán a xuntarse no futuro”

Dicir que é atípico quizais sexa quedarse moi curto para describilo, pero aproxímaselle bastante. Indudablemente carismático, dos que nunca pasan desapercibidos nin deixan indiferente

Noé López (Fisterra, 17/06/1977) coñece de sobra o éxito dende aquela tenra infancia na que coma xogador cadete do equipo da vila natal despuntaba nesa fábrica de mitos que é o Ara Solis. Pequena parada dun traxecto que só se detivo tres décadas despois, rozando unha idade imposible para un xogador en activo que non fose case sobrenatural, nunha categoría tan esixente como a Terceira División.

Dezanove anos de entrega en “O Roxo”, quinientos noventa e dous partidos convertidos en récord estadístico que aínda ningunha banda dereita chegou a ver superado. Antes, o inevitable tránsito pola Costa e despois a experiencia do Burgos, pero Noé sempre será o Cerceda, o pulmón dun equipo que apenas sobrevivíu á súa marcha, case coma unha vinganza de deuses resentidos pola súa retirada. O novo Noé cambiaba a banda polo banco, erguía o telón como adestrador dun Xallas que xa o desfrutara coma xogador, pero onde as segundas partes tornaron en mal augurio e esa tempada acabaría rematando no soñado Fisterra, nun agónico final que marcaría o renacer do que hoxe é o equipo verde. Sufrir parecía a constante ata que chegou o Betanzos, a quen asumíu no treito final da competición, co tempo xusto de facerse un oco no corazón do equipo e converterse, xa de inicio, no responsable do que acontecese este ano tan atípico coma el mesmo.

Agora, por fin, Noé recolle o que toda a vida vén de sembrar en tantos campos: éxito e gloria, pero esta vez como adestrador. O ascenso a Preferente do Betanzos é só a guinda dun pastel que leva toda unha vida amasando e dando forma. Sabor doce que baña amarguras pasadas e trae promesas de todo o que Noé sempre representa, esforzo e traballo infatigables, pero tamén unha figura irrepetible sen a que o amor ó fútbol farianos vivir moito menos namorados.

– Satisfeito coa resolución final da competición?

Está claro que non é o modo ideal de ascender, todos desexabamos que fose no terreo de xogo e celebralo coa afección, pero ante esta situación excepcional e tendo en conta que era unha obriga para o clube, alégrome moito de devolver ó Betanzos CF a Rexional Preferente.

– O ascenso implica a renovación ou atenderás a novas ofertas?

A verdade é que hoxe xa se fixo pública a miña renovación. O Betanzos aínda que estaba en Primeira é un equipo dos importantes de Galicia. Algún contacto houbo de outros equipos pero a miña idea é seguir co proxecto de devolver o clube a onde estivo históricamente, que é a Terceira  División nas vindeiras tempadas.

– Moito traballo e moitas semanas en postos de “Play Off”, pero tamén moita incertidume e tensión, con moito en xogo. Cómo vivíu o clube, e sobre todo o equipo, esa longa espera?

Sí, creo que era o obxectivo principal dende o comezo e sempre estivemos na parte alta, ben é certo que o Victoria con ninguna derrota en 25 partidos estábao facendo moi ben. Con respecto á espera, nos sabíamos que se non se xogaba nada tiñamos o mellor criterio deportivo por puntos e mellor “fair play” que os outros equipos de playoff, iso facía que estivesemos tranquilos. Logo cando parecía que non se iba xogar nada estivemos tranquilos aínda que impacientes ata que se fixo oficial.

-Ti eres un adestrador moi motivador que sempre confía no aspecto máis positivo pero, valoraste nalgún momento que cabía a  posibilidade de quedar ás portas do ascenso?

Bueno todos sabemos que nos playoffs pode pasar calquera cousa. Eu xoguei trece coma xogador e sei que ás veces non son moi xustos…o que sí é certo é que cando se parou a competición estabamos no mellor momento de forma e xogo dende que eu era adestrador. Iso facía que a confianza en subir fose boa.

– Cal foi a túa primeira reacción nada máis saber que o Betanzos xa era equipo de Preferente?

Pois eu tiña novas de que o día anterior a facerse oficial, a comisión delegada da RFGF aprobara que o Betanzos era equipo de Preferente. Cando ó día seguinte xa se fai oficial o primeiro que fixen foi felicitar ó presidente e mandar un audio ó grupo de xogadores e corpo técnico dándolle a noraboa.

 Non coñecemos aínda datas, pero nunca é cedo para comezar a perfilar a nova tempada. Que agardas dela?

Partindo da base que serán 4 grupos de 11 ou 12 equipos por grupo o que agardamos a próxima tempada é estar afastados das posicions perigosas que marcaran o descenso, sen renunciar a nada. O groso do equipo será o mesmo pero faremos un equipo competitivo para a categoría.

– Medio “interruptus”, pero dúas campañas xa no Betanzos. Parece evidente que te atopas cómodo e a gusto

Bueno, eu chego a falta de oito xornadas para rematar a anterior tempada, moi lonxe do posto de playoff de ascenso a Preferente. A idea era rematar o mellor posible e poder empezar a confeccionar unha plantilla para ascender nesta, seguindo competindo nas últimas xornadas. Para min entrenar ó Betanzos é un orgullo, un equipo histórico galego que estivo 28 anos en Terceira División e o que eu tantas veces me enfrentei coma xogador. Danme a liberdade suficiente no aspecto deportivo e transmítenme a confianza no meu traballo, é iso para un adestrador é importante.

– Algún dos teus soños pasa por adestrar de novo ao equipo da casa, este Fisterra que está a facer historia?

Está claro que cómo todo fisterrán levo a SD marcada a lume e máis se cabe a xente que por unhas causas ou outras estamos fóra do pobo. Fai tres anos estiven adestrando alí nunha situación deportivamente difícil e saben que eu son un máis deles. Estou inmensamente feliz que tanto Fisterra cómo a súa afección vaian a estar nunha categoría na que eu tanto disfrutei, e de que vaia ser a bandeira da Costa da Morte a nivel Nacional. Seguro que aínda que agora non, os nosos caminos volverán a xuntarse nun futuro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.