Non me toques a gaita – Por Dulce Corcu

VOX é un partido de ultradereita español que, en Galicia e polo de agora, pasa completamente desapercibido, sen colleitar sequera, segundo as enquisas publicadas de cara ás vindeiras eleccións do doce de xullo, nin un só deputado

Claro que só son prognósticos, e por tentalo que non quede, deben pensar os seus líderes que, postos mans á obra, deixáronse caer con toda a pompa e boato pertinente á conquista do voto galego polo noso país. Con tanto entusiasmo, que mesmo pensaron que o gaiteiro que habitualmente toca no arco do Pazo de Xelmírez estaba alí para recibilos na súa visita á Compostela. Como lles ía pasar pola cabeza que non era para eles, un partido que despreza a nosa Cultura e língua, pero que ve normal que os reciba un “gaitero”, mostra dese folclore autóctono que detestan pero que non fai mal ningún se serve para presumir del.

Xesús Rodríguez era o gaiteiro que estaba a tocar coma outras veces, no seu lugar habitual, cando chegaron os de “VOX e a súa tropa” coma os definíu textualmente, despois de verse nas redes sociais do partido e ler que estaba alí únicamente para darlles a benvida. Faltaba máis, claro está, había que resarcirlos das pintadas críticas nalgunhas rúas e xa non digamos dos berros de “fascistas fóra” pola zona nobre de Compostela, recebementos eses que non tiveron cobertura mediática nas súas páxinas. Que mentras baixaban en tropel as escaleiras de pedra, houbese alí apostado un “gaitero” facendo soar o seu instrumento, foi xusto o que precisaban para virse arriba e pensar que aínda había esperanza de rañar algo nas eleccións. E, lóxicamente, correron a contalo. Calquera galego ou galega sabe que Xesús e outros gaiteiros non tocan nese lugar para receber a político ningún, senón coma un xeito de gañarse a vida e de espallar a nosa Cultura, polo que as brincadeiras ante o chío da formación fascista foi inmediata. Coma tamén o foi a reacción do afectado, ao que verse en semellante tesitura non fixo graza ningunha. Xesús tivo que desmentir públicamente que non recibíu a VOX, e que consideraba incluso tomar medidas legais por empregar a súa imaxe e vinculalo cuns feitos a todas luces falso. A formación política, para curarse en saúde, acabou eliminando a publicación, pero o dano xa estaba feito. En realidade, non é máis que outra mostra da ignorancia de quen pretende dar leccións, cuestionando o xeito de ser e vivir de xentes que o levan facendo dende xeracións. Que pretenden dicirnos como falar, o que debemos celebrar e como sentirnos. Tan absolutamente inútiles que caen na súa propia trampa sen necesidade de máis cebo que a estupidez que destilan en cada intervención. Quizais pensaron que estando o Apóstolo Santiago tan preto, non permitiría que nada fose mal e, con sorte, aínda tomaría unhas tazas co seu líder homónimo para que conte con el niso de “cierra España”. Por moitos anos Xesús e os gaiteiros en Xelmírez…e por moitos máis VOX tocando a gaita moi lonxe de Galicia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.