Nova achega de 59.500 unidades de protección contra o coronavirus aos centros asistenciais de Lugo

O Goberno galego completa esta semana o undécimo envío, co que supera as 819.000 unidades distribuídas dende o inicio da crise sanitaria entre todas as entidades sociais, públicas e privadas, que prestan este servizo na provincia

A Xunta de Galicia está a realizar un novo envío de material de protección contra o coronavirus aos centros asistenciais da provincia, distribuíndo nesta ocasión 59.500 unidades en 60 residencias, vivendas tuteladas, centros de acollida e institucións similares, xestionadas por máis dunha trintena de entidades públicas e privadas.

Neste novo reparto, o Goberno galego achega 29.500 máscaras e pantallas faciais, 27.700 guantes, 198 batas e mandís, 800 gorros, 900 calzas,  251 botes de hidroxel e 57 garrafas de desinfectante.

Deste xeito, no prazo de dous meses a Xunta leva entregadas 819.150 unidades de protección entre 121 centros xestionados por administracións públicas -a propia Xunta, a Deputación Provincial ou concellos-, asociacións, fundacións e outras entidades sociais que contan con prazas residenciais para persoas maiores, en situación de dependencia ou en risco de exclusión, entre outras circunstancias. En suma, os repartos están a chegar a todas as residencias  da provincia que constan no rexistro autonómico.

O material subministrado dende o inicio da crise sanitaria do coronavirus inclúe 396.800 máscaras e pantallas faciais, 359.400 guantes, 15.200 batas e mandís, 42.400 gorros e calzas, así como botes e garrafas de xel desinfectante.

Estas entregas estanse a realizar a través da plataforma loxística que a Xunta puxo en marcha para centralizar a adquisición e a distribución de material de protección durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria por mor do coronavirus.

Con esta medida, a Administración galega pretende garantir a axeitada protección dos profesionais que traballan nestes centros coidando aos colectivos máis vulnerables ao contaxio por coronavirus.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.