O BNG defenderá a nacionalización de Alcoa no vindeiro pleno da Deputación de Lugo

O grupo provincial presentará unha moción na que urxe ao goberno do Estado e da Xunta a actuaren para intervir a multinacional

O grupo provincial do BNG presentará no vindeiro pleno da Deputación de Lugo unha moción para reclamar aos gobernos do Estado e da Xunta a nacionalización de Alcoa. Os nacionalistas consideran que, despois de que a multinacional estadounidense confirmase o Ere que afectará un milleiro de traballadores e traballadoras do complexo industrial, a intervención pública é a única vía para garantir os empregos e o futuro da produción de aluminio na comarca.

O BNG mantén que a nacionalización é unha cuestión de “vontade política” xa que, argumentan, é unha fórmula amparada polos marcos normativos galego, español e europeo e avalada por decisións de países como Francia ou Alemaña.

O voceiro do grupo provincial, Efrén Castro, sinalou que “vistas as manobras e as manifestacións da empresa queda claro que a única salida que garante a continuidade dos empregos e da produción de  aluminio na comarca é a nacionalización da multinacional”. O deputado nacionalista urxiu aos gobernos do Estado e da Xunta de Galiza “a actuaren xa para non deixar morrer a factoría” e poñer tamén así fin “ás ameazas sobre o emprego que a multinacional utiliza de forma recorrente”.

A moción, que se debaterá no pleno previsto para o 30 de xuño,  tamén reclama a creación dunha tarifa eléctrica galega que abarate o prezo da enerxía eléctrica en Galiza, tanto para a industria electrointensiva como para o resto do tecido produtivo e para as familias.

Ademais, insta ao goberno do Estado a aprobar un Estatuto do Consumidor Electrointensivo, que estableza mecanismos que estabilicen o prezo da enerxía e que, recordan os nacionalistas, “foi comprometido por Madrid hai xa dous anos e aínda segue pendente”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

quince − 8 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.