O BNG reúnese con traballadoras da sanidade pública afectadas polo incumprimento do pacto de contratación por parte do Sergas

“Fixéronnos chegar a súa fonda preocupación e inquietude”, resume a reunión Mercedes Queixas, quen estivo acompañada pola concelleira nacionalista Avia Veira. “É evidente a vulneración dos dereitos laborais destas traballadoras”, afirma. “Este colectivo estivo a traballar en primeira liña durante toda a pandemia e fíxoo con todas as incertezas, tamén con todas as inseguridades”, engadiu.
Trátase dun persoal, enfatiza, que leva xa “demasiados anos” sometidos a condicións precarias, encadeando contratos temporais que tornan imposíbel calquera intento de planificar a vida profesional e persoal “e moito menos de conciliar unha coa outra”.
“O SERGAS acaba de incumprir o pacto de contratación comprometido e acordado. Esta non é a maneira de devolver ao persoal sanitario todo o que recibimos deles. Solidarizámonos desde logo desde o BNG con estas traballadoras”, afirma Mercedes Queixas, para quen “se algo nos ensina esta crise da Covid-19 é que precisamos de investir máis na sanidade pública e precisamos de coidar moito máis as sanitarias e os sanitarios porque coidalas a elas e a eles é tanto como coidar a nosa propia saúde”.