O novo servizo de limpeza de praias de Carballo inicia a súa actividade coa posta a punto dos areais para as persoas usuarias

Os traballos en temporada alta, do 1 de xuño ao 15 de setembro, realizaranse a diario

Este mércores empezou a traballar sobre o terreo o novo servizo de limpeza de praias, do que se encargará a empresa Acciona Servicios Urbanos durante os próximos catro anos cun orzamento anual de 88.938,45 euros. O contrato inclúe os traballos manuais e mecánicos precisos para a recollida de residuos nos areais e as súas zonas de influencia (zonas verdes, aparcamentos, accesos, parques infantís…) para a súa utilización durante todo o ano, así coma as instalacións das praias (casetas de socorrismo, aseos, duchas…), a fonte de Arnados, as contornas da caseta das mariscadoras, e o local que ten Protección Civil no porto de Razo.

A intensidade dos labores de limpeza variará en función da época do ano. Nestes momentos estamos en temporada alta, xa que abrangue do 1 de xuño ao 15 de setembro.

Para poñer a punto das praias de cara ao inicio da temporada, os traballos que se realizan estes días son a montaxe de pasarelas, casetas e pontes; limpeza xeral con retirada de todos os residuos, adecuación do perfil da praia e corta de céspede; en terceiro lugar realizarase un cribado da area, ao que seguirá a nivelación do areal e, por último, a colocación dos elementos necesarios para que se poida utilizar a praia.

Durante este período realizarase a limpeza diaria das praias e as súas zonas de influencia, incluído o baleirado das papeleiras. A limpeza realizarase entre as 06:00 e as 11:00 horas, de luns a venres, e ata as 10:00 horas, os sábados, domingos e festivos. Tamén será diaria a limpeza das casetas dos postos de vixilancia, mentres que no local de Protección Civil realizarase semanalmente. A empresa terá que contar polo menos cunha persoa na praia de maneira permanente para que os aseos estean sempre limpos. O contrato inclúe tamén a xestión das fosas sépticas e sanitarios portátiles.

Ademais, a empresa farase cargo da renovación anual das certificacións ISO 14001 e EMAS, da dotación de auga corrente e subministro eléctrico, duchas e caseta na praia da Arnela, e a montaxe e desmontaxe de todos os elementos de madeira.

A intensidade dos traballos reducirase en temporada media, que abrangue do 1 ao 31 de maio e do 16 de setembro ao 14 de outubro, e en temporada baixa, que vai do 15 de outubro ao 30 de abril.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.