O profesor da UDC Fermín Navarrina e outros investigadores expoñen ao ministro Pedro Duque os avances de proxectos tecnolóxicos contra a COVID-19

Navarrina informou ao ministro dos avances na investigación dunha posible estratexia para a eliminación do virus destruíndo as cápsides dos virións

O ministro de Ciencia e Innovación, Pedro Duque, mantivo onte á tarde unha reunión por videoconferencia cos responsables de cinco proxectos de investigación que traballan no desenvolvemento de novas tecnoloxías para facer fronte ao SARS- CoV-2 e que están a ser financiados polo Fondo COVID-19, que xestiona o Instituto de Saúde Carlos III ( ISCIII).

A Universidade da Coruña participa nesta iniciativa co proxecto do profesor Fermín Navarrina, do Grupo de Métodos Numéricos en Enxeñería, da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, “VirionBreak: Cálculo dinámico da cápside do SARS-CoV-2 para a súa destrución por resonancia”. Nesta investigación participan científicos das Escolas de Enxeñeiros de Camiños da Universidade da Coruña e da Universidade Politécnica de Madrid, da Universidade de Viena e das Universidades de Michigan e Purdue, en Estados Unidos.

Na reunión de onte, os investigadores explicaron ao ministro os avances dos seus proxectos baseados en enfoques moi innovadores que, ademais, nalgúns casos poden resultar complementarios. Entre os diferentes obxectivos das cinco investigacións destacan localizar o virus no aire en espazos hospitalarios a través de equipos de mostraxe; desenvolver un sistema de detección rápida de zonas contaminadas en superficies con cámaras que manexan diversos espectros lumínicos; obter as frecuencias de vibración do virus para eliminalo mediante a emisión de radiofrecuencia (o proxecto da UDC) e xerar organoides para desenvolver posibles terapias e analizar o comportamento espacial de transmisión do virus en espazos urbanos para localizar os principais focos de contaxio.

Ademais do responsable do proxecto da UDC, participaron na reunión co ministro os coordinadores dos proxectos do Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa (do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC); do Instituto de Biomedicina de Sevilla, da Universidade de Sevilla; do Instituto de Bioenxeñaría de Cataluña e da Universidade de Málaga.

O proxecto VirionBreak realiza unha análise dinámica estrutural da cápside do virus SARS- CoV-2 co fin de obter as súas frecuencias e modos propios de vibración e determinar as características dunha emisión de radiofrecuencia que poida provocar o seu colapso. O catedrático Fermín Navarrina explicou ao ministro que os resultados definirán os parámetros de deseño dun dispositivo emisor (probablemente de microondas nas bandas SHF e EHF do espectro electromagnético) que permita destruír total ou parcialmente a cápside do virus por resonancia inducida.

A partir de aí, poderá construírse un dispositivo para ser usado con fins profilácticos de forma inmediata para a desinfección de material inerte e de residuos biolóxicos contaminados e no caso de que as frecuencias de vibración e a enerxía necesaria para provocar a destrución da cápside resulten inocuas para seres humanos, o mesmo principio podería tamén aplicarse para o tratamento.

Os virus carecen de metabolismo propio, polo que necesitan infectar células de organismos vivos para reproducirse. O virión, que é como se denomina á partícula completa do virus, é unha cápsula -denominada cápside- en cuxo interior se atopa o material xenético do virus. A cápside desenvolve dúas funcións que son fundamentais para a pervivencia do proceso infeccioso: cando o virión se atopa en estado libre, antes de infectar unha célula, esta cápsula protexe o material xenético que se encontra no seu interior; e cando o virión entra en contacto accidentalmente cunha célula sa, a mesma cápsula actúa como unha coitela que abre unha brecha na parede celular e permite que o material xenético do virus se introduza na célula e tome o control da súa maquinaria. A partir dese momento a célula infectada empezará a fabricar copias do virión orixinal (cada unha formada por unha cápside que conterá o material xenético replicado), que posteriormente quedarán en liberdade e poderán infectar á súa vez outras células.

Por iso, segundo explica o catedrático da área de Matemática Aplicada, “unha das posibles estratexias para a eliminación do virus é tentar destruír as cápsides dos virións. Se isto se consegue, o material xenético do virus perderá a capacidade de introducirse nas células sas e ao quedar exposto, sen protección fronte á agresión ambiental, degradarase paulatinamente. A infección, polo tanto, detense”.

O obxectivo deste proxecto de investigación é realizar unha análise dinámica estrutural da cápside do virus SARS-CoV-2 co fin de obter as súas frecuencias propias de vibración. Para iso desenvolverase un modelo numérico específico, similar aos que se utilizan para o cálculo e deseño de grandes obras de Enxeñería. Estes cálculos permitirán identificar as frecuencias que poidan provocar o maior dano posible na cápside, e estimar a potencia necesaria para iso. Espérase que esta información permita finalmente deseñar e construír un dispositivo emisor de radiofrecuencia ou de ultrasóns que sexa capaz de destruír totalmente ou danar de forma irreparable as cápsides dos virións.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.