O programa de axudas a autónomos e pequenas empresas do Concello de Ferrol recibiu un total 1.376 solicitudes

Coa activación do Plan PAME (Plan de Mellora para a Empregabilidade) o goberno local quere “impulsar a actividade económica de Ferrol” e “protexer o emprego dos nosos veciños”, explicou o alcalde, Ángel Mato

O Plan de Mellora para a Empregabilidade (PAME) posto en marcha polo Concello de Ferrol, e que establece axudas económicas a autónomos e pequenas empresas da cidade co fin de frear os efectos negativos da covid-19, recibiu un total de 1.376 solicitudes. O pasado venres rematou o prazo de presentación de documentación para estas subvencións, deseñadas pola concellería de Emprego e Promoción Económica, que dirixe a segunda tenente de alcalde, María Teresa Deus, e aprobadas por unanimidade no pleno extraordinario do pasado 27 de abril. Buscan “impulsar a actividade económica de Ferrol” e, ao mesmo tempo, “protexer o emprego dos nosos veciños”, segundo explicou o alcalde, Ángel Mato.

O Concello de Ferrol destina dous millóns de euros a este plan, co que pretende dar liquidez ás empresas para que atenúen o impacto que supuxo para elas a redución de ingresos e poidan manter os postos de traballo.

As bases establecen varias contías. Unha fixa de 1.500 euros dirixida a persoas físicas e xurídicas con ou sen traballadores ao seu cargo cando a súa actividade estivera afectada polo peche de establecementos disposto no Real Decreto 465/2020 de 17 de marzo. Outra tamén fixa de 1.000 euros para os casos nos que a actividade non estivera recollida nese Real Decreto pero sufrise unha redución de facturación de polo menos o 75 %. Ademais, ambas liñas de axuda recollen incrementos de 120 euros por cada persoa traballadora ata os nove empregados; de 100, entre os 10 e os 20 traballadores, e de 70, entre os 21 e 49. En todos os casos, os beneficiarios son autónomos, microempresas ou pequenas empresas con domicilio fiscal ou centro de actividade dentro do termo municipal de Ferrol.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.