O sector turístico galego fronte a crise da COVID-19

O grupo ANTE da USC e a Consellaría de Cultura e Turismo organizan unha xornada para abordar esta cuestión de xeito transversal

A crise sociosanitaria provocada pola COVID-19 ten evidentes implicacións na economía e especial virulencia no turismo, polo que moitos destinos  de España preparan xa medidas e campañas para impulsar a recuperación do sector. Este xoves 11 de xuño ás 9:30, no Edificio CEA (Finca de Vista Alegre), terá lugar a  Xornada  ‘A crise do coronavirus COVID-19 e o sector turístico galego: principais retos e liñas de actuación’ organizada polo grupo de investigación ANTE da USC, a UVigo e a Consellaría de Cultura e Turismo.

Esta xornada representa unha oportunidade de difusión de coñecemento para todos aqueles actores públicos e privados que están comprometidos co desenvolvemento turístico de Galicia. O obxectivo é xerar ideas compartidas en torno aos efectos no sector turístico galego da pandemia do coronavirus. Para este fin, abrirase un debate con todos os axentes implicados para realizar  unha análise en profundidade da conxuntura actual e dos escenarios de futuro inmediato.

Expertos e representantes das diferentes administración públicas galegas, da Universidade e da ciencia exporán, desde o seu ámbito de actuación, como están a responder ao desafío aberto pola pandemia. O faladoiro contará tamén con empresas de servizos turísticos, grupos de interese empresarial, grupos de interese sindical, axencias locais de desenvolvemento e responsables da xestión de recursos turísticos, entre outros.

A xornada terá unha capacidade limitada a un máximo de 30 persoas, e as cadeiras estarán dispostas á distancia marcada polo protocolo do virus COVID-19. No caso de non poder desprazarse algún dos expertos polas restricións de mobilidade que leva asociadas o estado de alarma, está previsto facilitar a súa participación por medios telemáticos, a través da plataforma Microsoft Teams.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.