O VIII Rally Turístico Terras do Incio discorrerá por primeira vez de forma íntegra pola provincia

Celebrarase dende o 8 ata o 14 de xullo e como novidade a ruta arrincará dende o Concello de Monforte de Lemos e discorrerá exclusivamente pola provincia de Lugo. Participarán vehículos exclusivos tipo Mercedes, Jaguar, Aston Martin, Masseratti, Morgan, Porche, Lotus ou Ford, chegados de diferentes puntos do país así como tamén de Portugal e Francia

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, presentou este xoves na praza de San Marcos o VIII Rally Turístico Terras do Incio, xunto aos organizadores deste evento, Andrés Castro e Pilar Debelius. Esta edición terá lugar dende o 8 ata o 14 de xullo e reunirá a 25 coches clásicos. Como novidade a ruta dará comezo dende o concello de Monforte de Lemos e, por primeira vez, todo o percorrido discorrerá pola provincia de Lugo. A Deputación colabora con este evento cunha achega económica de 4.000 euros.

Pablo Rivera agradeceu a labor dos organizadores desta iniciativa por conseguir sacar adiante unha edición máis do Rally Turístico Terras do Incio “a pesar da situación que estamos a vivir ocasionada pola crise sanitaria da Covid-19”. Ademais, destacou que este evento do motor tivo desde a primeira edición, celebrada no 2013, unha gran acollida “xa que amosa a todas e todos os participantes a riqueza da nosa provincia ao mesmo tempo que dinamiza a economía, sobre todo os sectores hostaleiro e comercial”.

A Deputación de Lugo apoia esta cita “precisamente por iso”, explicou o Deputado, “porque favorece a proxección da nosa provincia e porque dinamiza sectores estratéxicos para a nosa a economía, como son o hostaleiro e o comercial. Se este obxectivo sempre foi importante para a Deputación, agora moito máis pola difícil situación que atravesan estes establecementos a raíz da pandemia”.

De feito, a Deputación, como lembrou Pablo Rivera, ten en marcha a campaña EN LUGO,SI, unha iniciativa que trata de favorecer a reactivación dos sectores produtivos da provincia incentivando a seguridade e a confianza.

A ruta arrincará o vindeiro 8 de xullo no concello de Monforte de Lemos e os vehículos estarán expostos no aparcamento dos Escolapios dende ás 11:00 horas ata ás 19:00 horas. Durante 6 días e ata o 14 de xullo os 25 coches clásicos que participan nesta ruta percorrerán a Ribeira Sacra, a Serra do Courel, a cidade de Lugo, a mariña lucense ou o Concello de Vilalba, entre outras zonas da provincia. Participarán vehículos exclusivos tipo Mercedes, Jaguar, Aston Martin, Masseratti, Morgan, Porche, Lotus ou Ford, chegados de diferentes puntos do país así como tamén de Portugal e Francia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.