Os docentes da UVigo apúntanse en masa a diferentes cursos sobre docencia en liña

O persoal docente da Universidade de Vigo quere arrancar o próximo curso preparado para impartir as súas clases de xeito semipresencial ou, de darse o caso, totalmente virtual

Para acadalo está a participar de xeito masivo nos diferentes cursos organizados para eles pola Área de Formación e Innovación Educativa, desde onde se puxeron en marcha preto dunha ducia de actividades formativas nas que se matricularon máis de 700 persoas, todas elas docentes e investigadores da propia universidade.

“A planificación nesta etapa está enfocándose á docencia en liña e semipresencial porque é a necesidade primordial de cara o vindeiro curso académico”, explica Mª Ángeles Villar, técnica encargada da organización dos cursos, ao tempo que subliña que desde o inicio da crise sanitaria produciuse un forte incremento da demanda de formación. “Desde o principio detectamos que existen diferentes niveis nas competencias docentes, polo que a oferta inclúe cursos xerais de carácter masivo e outros máis especializados”,  recalcan desde a organización.

A oferta combina cursos masivos con outros máis especializados

Impartidos todos de xeito virtual, os cursos masivos teñen un nivel máis básico. Entre esta oferta atópase, por exemplo, o programa formativo Como deseñar a miña materia para a docencia semipresencial, que arrancou esta semana e no que se matricularon máis de 300 docentes, ou o Ciclo de conferencias de introdución á docencia en liña, con 329 persoas matriculadas. “Os cursos máis masivos poden atender a cuestións introdutorias que non requiren un nivel de titorización e avaliación  moi exhaustivo, pero a medida que os cursos se especializan e se enfocan á práctica fan necesaria unha dedicación horaria importante na titorización e avaliación”, recalca Villar.

Para o PDI que xa ten un nivel de formación máis avanzado, desde a Área de Formación e Innovación Educativa deseñaron formacións máis específicas e con prazas máis reducidas -25 por curso- para poder titorizar con máis detalle as prácticas. Este é o caso dos cursos Edición sinxela de vídeo e son para a publicación e difusión web, que ten tres edicións abertas; Deseño e creación de podcast educativosCreación, xestión e mantemento de páxinas web con WordPress no teu espazo web da @uvigoCreación e tratamento de imaxes e fotografíasCreación de infografías e deseños vectoriais ou Descubrindo Moodle.  “Ademais, tamén estamos ofrecendo formación no modelo de aprendizaxe Flipped-Learning xa que a súa filosofía adáptase perfectamente á docencia semipresencial ou blended-learning”, salienta a técnica, ao tempo que explica que o flipped-learning ou clase inversa fai que o alumnado traballe nos contidos antes de ir ás clases, o que posibilita que as clases presenciais se aproveiten para solucionar dúbidas, facer prácticas, resolver problemas, traballar en equipo… “Desta maneira aprovéitase a potencialidade das modalidades presenciais e non presenciais e trabállanse todas as competencias”, recalca Villar.

A docencia en liña ten as súas propias “regras”

Desde a organización dos cursos destacan que é fundamental que o PDI entenda que a modalidade virtual non consiste en trasladar o que se fai nas clases presenciais, senón que supón todo un proceso de reformulación, xa que a docencia en liña ten as súas propias «regras». “Cómpre que a tecnoloxía estea integrada no proceso de ensino-aprendizaxe e que sexa coherente coas competencias e resultados que nas materias se traballan”, explica Villar, ao tempo que fai fincapé na importancia de entender que a profesión de profesor/a ao igual que outras profesións está composta dunha serie de competencias, que inclúen dende a propia planificación da materia ata a titorización, a avaliación ou a integración das competencias tecnolóxicas.

Impartidos por persoal propio e tamén de fóra

O cadro de persoal que se encarga de impartir os cursos é moi variado. Para o Ciclo de conferencias de introdución á docencia en liña, que se prolongará ata mediados de xuño, cóntase co catedrático de Didáctica e Organización Escolar (Tecnoloxía Educativa) na Universidad de la Laguna, Manuel Area, e para o curso de Metodoloxías activas: Flipped learning-aprendizaxe inversa I II, que arrancará o día 15 e se prolongará ata mediados de xullo, contarase con Raúl Santiago Campión, profesor da Área de Didáctica e Organización Escolar da Universidad de La Rioja e que a día de hoxe está considerado un dos grandes expertos nesta metodoloxía a nivel español.

O curso Como deseñar a miña materia para a docencia semipresencial levarase a cabo desde a propia Área de Formación e Innovación Educativa, encargándose da súa coordinación, Mª Ángeles Villar, experta en aprendizaxe electrónica e metodoloxías innovadoras, quen contará ademais co apoio de Luis Pena, responsable de produción de UVigo-TV. O resto de cursos serán desenvolvidos por PDI da propia Universidade cos que a área leva xa tempo colaborando e cuxos asistentes amosaron un elevado nivel de satisfacción, entre eles Xavier Martínez Rolán, especializado en comunicación dixital, e que se encargará  de varios destes cursos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.