Pancho Casal: «O maltrato da Xunta á xente que nos coida é intolerable»

O candidato á presidencia da Xunta pola Marea Galeguista, Pancho Casal, e a candidata pola provincia da Coruña, Luz Marcos Buján, reuníronse este martes en Santiago co Comité Intercentros do Persoal Laboral, que lamentou a situación de desemparo na que se encontra, en especial, durante a pandemia pola Covid-19. “Grazas á alta profesionalidade e ao esforzo das traballadoras, a entrada da Covid nas residencias e nos centros limitouse moito”, sinalaron desde o comité.
Entre os principais problemas, o comité sinalou a situación de abuso por parte da administración: “O 54% do persoal atópase en situación de temporalidade. Existe unha total irregularidade no referido aos horarios. Elimináronse as 48 horas de descanso obrigatorio por semana. No traballo en festivos, retirouse o incremento de descanso. Isto levou a unha situación de saturación tal que a xente chegou a pedir baixas non remuneradas”.
Pancho Casal, incidiu nos recortes que este grupo sofre desde o 2009, sendo os últimos en recuperar a paga extraordinaria. “Son os máis damnificados polos recortes da Xunta de Galicia. Desde a Marea Galeguista apostamos porque todos os centros de servizos sociais sexan públicos e por iso consideramos que unha parte importante dos fondos de reconstrución teñen que ir aos servizos socais”, salientou o candidato.
Tamén denunciaron as traballadoras a ausencia total de convocatorias de emprego público e que están nunha situación de desigualdade cos funcionarios, cando realizan o mesmo traballo. Puxeron de manifesto a imposiblidade de prestar o servizo en condicións óptimas debido aos recortes, “como pasa cos residentes con patoloxías psiquiátricas, que cada vez son máis, por non ter onde atendelos”.
“Desde a Marea Galeguista -afirmou Casal- cremos que é fundamental, para empezar a atallar esta situación, a recuperación dos dereitos que a Xunta de Galicia suprimiu unilateralmente, no ano 2012, ao eliminar toda unha serie de prazas de persoal de diversas categorías”.