Recibímosvos madrileños con alegría. Por @DulceCorcu

Que non se diga que os galegos e galegas somos xenófobos, separatistas, insolidarios e ata nacionalistas excluíntes. Son os epítetos que a prensa estatal e algúns líderes políticos españois veñen de adicarlle ao noso presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por propoñer unha limitación de mobilidade a territorios coma Madrid ou Barcelona, cidades cun amplo número de contaxios e que, en breve, os seus habitantes terán licenza para expandirse polo resto do reino, cando a partires do vinteún de xuño quede sen efecto o Estado de Alarma decretado no seu día polo goberno español. Iso implicará que, coma todos os anos, o que poida sairá de vacacións e, tamén coma sempre, Galicia será un dos seus destinos favoritos.

Estamos máis que afeitos a recibilos e convivir con eles, xa nos son tremendamente familiares e coñecemos os seus hábitos e costumes, tales como aparcar nas rampas dos peiraos con marea baixa, reservar mesa para unha determinada hora e presentarse dúas máis tarde ou, mesmamente, pedirnos amablemente que falemos nun idioma de cristiáns, porque levar vinte anos veraneando en Galicia non implica que teñan que saber que é iso de “Bos días, quere algo”. Que Galicia tamén é España pese ao roxo de Feijóo. A lista de ofendidos pola traizón do presidente, revólvese nas súas poltronas madrileñas abominando da falta de sumisión á capital, e desata un medo atroz a que calquera día se poña a soñar coa independencia galega. Ata a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, amosou a súa intranquilidade e desgusto pola “madrileñofobia” do seu compañeiro de partido, e dixo estar “doída”.
Que decepción do que está chamado a ser a gran esperanza do PP se Pablo Casado perde as súas sextas eleccións. Pero Feijoo non podía ficar calado ante tanta acusación e, por suposto, convidou a Madrid enteiro a que veña, a que nos visite sen cortapisa ningunha. Precisamos do turismo, di Feijóo, e sobre todo precisamos dos madrileños, que para algo teñen casa aquí, mercada a prezo de saldo en construcións desas que adornan os arredores das praias, e que o resto do ano parecen nichos dalgún cemiterio. Feijóo acusa de intoxicadores aos que o critican e dubidan da súa españolidade e apego a Madrid. E ten razón, fai falla non coñecelo. Pero todo voltará ao rego a partires de xullo, co inicio da tempada estival, e nada sorprendería que Alberto Núñez Feijóo, no seu celo por demostrar o encantada que está Galicia da chegada de madrileños, non os reciba nos balcóns do Pazo de Raxoi emulando ao mesmísimo “Benvido, Mr. Marshall” de Berlanga. Vimbios non lle faltan.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

1 × 1 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.