UDC e Aspace asinan un convenio de colaboración

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, e a directora Xerente de ASPACE Coruña, Sonia Ruiz Vargas, asinaron esta mañá na Reitoría un convenio de colaboración que se materializará a través do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC)
ASPACE Coruña é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como misión promover o desenvolvemento persoal e a igualdade de oportunidades das persoas con parálise cerebral e discapacidades psicofísicas e a colaboración coa Universidade permitirá desenvolver proxectos de innovación tecnolóxica que melloren a calidade de vida destas persoas.
Abalde agradeceu este oportunidade de colaboración en “todo o que ten que ver co apoio ás persoas onde as tecnoloxías poden supoñer unha mellora na calidade de vida” e enmarcou este convenio dentro da “responsabilidade social que ten a universidade como institución pública” e que leva á UDC a desenvolver outras iniciativas deste cariz como o programa Espazo Compartido.
Para a directora Xerente de ASPACE Coruña, esta colaboración inscríbese dentro da súa liña estratéxica de ofrecer innovación e coñecemento ás súas persoas usuarias. Ruiz explicou que a entidade á que representa leva xa un ano colaborando en diversos proxectos co CITIC, polo que adiantou que este convenio permitirá “avanzar e conseguir solucións para as persoas con parálise cerebral”.
No acto de firma do convenio desta mañá estaban presentes tamén o director do CITIC, Manuel González Penedo, e o subdirector, Javier Pereira, profesor Titular da área de Radioloxía e Medicina Física e doutor en Informática. O profesor Pereira, implicado directamente nos proxectos compartidos con ASPACE Coruña, imparte docencia e investiga no ámbito da informática médica e a tecnoloxía aplicada á discapacidade.
Foto: Desde á esquerda, Manuel González Penedo, director do CITIC; Julio Abalde, reitor, e Sonia Ruiz, directora Xerente de ASPACE Coruña, no acto de firma do convenio.