Vilalba Aberta fai posible por cuarto ano consecutivo a celebración do Orgullo LGTBI no concello

Tres anos despois de que a veciñanza vilalbesa desbordase as previsións da primeira convocatoria de Vilalba Aberta, con motivo do Día Internacional do Orgullo LGBTI; a formación asemblearia vén de anunciar a súa vontade de dar continuación ás convocatorias de 2017, 2018 e 2019, coa organización do que será xa o IV Orgullo LGTBI da historia do Concello de Vilalba

Unha celebración que, tal e como apuntan dende a formación, será “algo diferente” e que “por responsabilidade” emitirán en directo a través de Facebook e Instagram.

Ademais, e tal e como lembrou o voceiro da formación, Modesto Renda, esta nova convocatoria “supón, ao tempo, a volta da nosa xeira de conversas abertas, co fin de “afondar no impulso democratizador co que nacemos, así como para ofrecerlle á veciñanza de Vilalba os mellores contidos sobre os que debater e avanzarmos coma sociedade, pola vía do protagonismo e a participación activa dos propios veciños/as de vila e parroquias.”

Unha idea, escrupulosamente plasmada no cartel desta cuarta edición, focalizada na situación e experiencias do colectivo LGTBI no Concello de Vilalba a través dun coloquio moderado pola activista LGTBI, historiadora do arte e membro da asemblea de Vilalba Aberta, Iria Currás, e para a que Vilalba Aberta quixo contar, en tanto que protagonistas, coa presenza do tradutor, intérprete e veciño de Santaballa, Alfonso Bermúdez; do historiador, activista LGTBI e veciño de Vilalba, Noel Dopazo; da estudante e veciña de Santaballa, Isabel Bermúdez e do coñecido artista e cantante vilalbés, David Fanego.

“Pretendemos confluír coa veciñanza na defensa das e dos que non poden expresar a súa sexualidade con liberdade”, declarou a concelleira da formación, María Xosé Fernández, porque “ningunha sociedade pode ser considerada coma democrática e plural se se manteñen ou alimentan situacións de exclusión e de rexeitamento cara a unha parte dos seus membros”, sentenciou.

É por isto que chaman á participación nunha xornada (domingo 28 de Xuño con conexión en directo a partires das 19:00h) que levará aos fogares de vila e parroquias a visibilidade e a reivindicación dun festexo, ata o de agora, reducido ás celebracións e actos das grandes vilas e cidades.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.