A Coruña. Benestar Social pon en marcha o programa “Lecer saudable” dirixido á mocidade

A Concellería de Igualdade, Benestar Social e Participación, a través do servizo de Acción Social, pon en marcha o programa “Lecer saudable” dirixido á mocidade de 12 a 30 anos, que ten como obxectivo o fomento de actividades relacionadas coa mellora dos hábitos saudables e o lecer construtivo. Este programa está cofinanciado pola Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas. As actividades levaranse a cabo no mes de agosto, son gratuítas e terán prazas limitadas.

Nesta edición, a oferta comprende actividades de participación presencial, a maioría ao aire libre, e outras de modalidade “en liña”. Ofertaranse actividades como “Surf experience”, en que durante catro días as e os participantes se iniciarán no surf e no perfeccionamento da súa práctica; “Roteiro ambiental polo río Mandeo” cun percorrido guiado por plantacións en que se traballa na renovación do campo recuperando técnicas de agricultura tradicionais e ecolóxicas; “Roteiro de sendeirismo pola zona do estuario do río Anllóns (Ponteceso)” pasando polos castros da zona; “Xornada multiaventura de Rafting polo río Ulla” , e “Multideporte experience” en que durante catro días se practicarán deportes náuticos e de praia como pádel surf XXL, kaiak, voleibol praia… Todas estas actividades contemplan o transporte gratuíto ao lugar onde se desenvolverá a actividade.

Na modalidade presencial tamén se incluirán actividades como “Iniciación ao debuxo manga” e “Iniciación a youtuber” que terán lugar no Centro Cívico dos Rosales.

Na modalidade “en liña” realizaranse actividades de “Creación de curtametraxes con móbil”, “Creación e mantemento de blogues e páxinas web”, “Obradoiro de novos escritores”, “Obradoiro de rap”, “Cocíñao: taller de pizzas” e “Cociña temática: taller de “ tuppers” saudables”, entre outras.

A programación de todas as accións está adaptada ás medidas de seguridade sanitarias recomendadas para a prevención da propagación da COVID-19. As persoas participantes nas actividades presenciais terán que usar máscara de forma obrigatoria e deberán aceptar as condicións de participación no programa, que se poñerán no seu coñecemento antes do inicio de cada actividade.

A inscrición para estas actividades será “en liña”, a través da páxina web  de servizos sociais do Concello da Coruña, https://www.coruna.gal/serviciossociales. Dentro da noticia de “Lecer saudable para mozos”, atoparase unha ligazón coas indicacións para a inscrición e un arquivo con información das actividades, das idades ás que van dirixidas, as datas de realización e os horarios.

A inscrición poderase facer das 08:00 horas do día 28 de xullo ás 24:00 horas do 30 de xullo, logo de cubrir os formularios indicados na ligazón de inscrición. As prazas cubriranse por orde de inscrición. A realización de actividades estará condicionada á existencia dun número mínimo de rexistradas/os que poderá variar segundo as características de cada unha das accións.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.