A Deputación impulsa a Ribeira Sacra como destino turístico

O Presidente da institución provincial e o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra asinaron un convenio a través do que a Deputación colabora cos gastos de funcionamento deste organismo e as actividades e proxectos que desenvolve

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tome Roca, asinou este martes un novo convenio de colaboración co presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luís Fernández Guitián, a través do cal a institución provincial renova o compromiso co impulso da proxección turística da zona sur da provincia e a súa dinamización socioeconómica.

A través desta colaboración, a institución provincial achega 25.000 euros para cooperar co financiamento dos gastos de funcionamento deste organismo e as actividades e proxectos que desenvolve para impulsar e visibilizar este destino turístico, seleccionado ademais para ser declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco no 2021.

Tomé Roca subliñou que “na Ribeira Sacra, moitas das apostas polo futuro téñense artellado en torno ó impulso do turismo, grazas ao traballo desenvolvido polo Consorcio, polos concellos, polo sector do viño e pola propia Deputación de Lugo”.

O Presidente enmarcou esta colaboración na aposta decidida da Deputación polo interior da provincia e por “un modelo de turismo sostible, de calidade, non masificado, que potencia o contacto coa natureza e a posta en valor do patrimonio, da cultura e das costumes propias dun territorio como a gastronomía e o enoturismo”.

Na Ribeira Sacra, o turismo é unha fonte de desenvolvemento económico e de riqueza para o territorio. A través deste convenio de colaboración co organismo turístico da Ribeira Sacra, a institución provincial favorece a consolidación das iniciativas que está a levar a cabo como a organización de eventos, o deseño de programas de actividades para atraer  visitantes e desestacionalizar o turismo, a aposta polas novas tecnoloxías e a potenciación da imaxe de marca.

Patrimonio da Humanidade e Reserva da Biosfera

O Presidente adiantou que potenciará a colaboración da Deputación coa Ribeira Sacra tendo en conta as declaracións a Reserva da Biosfera e Patrimonio da Humanidade ás que aspira, e que suporán “unha gran oportunidade para darlle un gran espaldarazo ó turismo da zona sur, pero tamén do conxunto da provincia”.

Pola súa banda, o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra agradeceu “a aposta positiva que está a facer a Deputación polo noso territorio porque nos estamos xogando dous partidos moi importantes, como son as candidaturas a Reserva da Biosfera e Patrimonio da Humanidade”.

A achega de 25.000€ da institución provincial, asegurou, “é moi importante tendo en conta que contamos cun orzamento limitado”. Luis Fernández Guitián puxo en valor que “a Deputación sempre cumpre co seu compromiso” de colaborar economicamente co Consorcio e que “é consciente da importancia do turismo na provincia e en concreto na zona sur”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.