A Oficina de Turismo de Pontevedra retoma as visitas guiadas

A concelleira Yoya Blanco anuncia unha transferencia de crédito de 15.000 € para reforzar as campañas de turismo de proximidade de cara ao último cuadrimestre de 2020 e ao Ano Xacobeo

Un grupo dunhas 20 persoas deuse cita esta mañá ás 11:00 horas na Praza de España para desfrutar da primeira visita guiada organizada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e a empresa Turismo de Pontevedra dende que se decretara o estado de alarma. Esta visita inaugural, que se desenvolveu en base a un estrito protocolo de protección contra a Covid-19 (con toma de temperatura e uso obrigatorio de máscara), coincidiu coa estrea da nova Oficina Turística municipal, trasladada á planta baixa do Consistorio despois da mudanza do Rexistro á Casa da Luz.

Entre as medidas coas que as visitas guiadas retomaron a súa actividade nesta nova normalidade inclúense a conformación de grupos reducidos, a formación específica dos guías turísticos en materia de protocolos de actuación e manuais de boas prácticas para a prevención de riscos laborais ante a Covid-19 e a obriga de usar máscaras de protección durante toda a visita. Ademais, tal e como sinala a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, que fixo de anfitrioa deste primeiro grupo de visitantes procedentes doutros puntos de España (Madrid, Málaga, Palencia, Cataluña…), “tomarase sempre a temperatura ao comezo do percorrido e facilitarase xel hidroalcohólico antes e durante o servizo”. “As nosas visitas -subliña a edil socialista- cumpren con toda a lexislación e as recomendacións sanitarias. Daremos a coñecer a nosa cidade coas máximas medidas de seguridade”.

Segundo salienta, Turismo de Pontevedra “só traballa con guías oficiais de turismo, percorrendo a cidade, visitando o interior dos monumentos sempre que sexa posible e dando a coñecer todo tipo de elementos culturais, históricos, monumentais, gastronómicos e festivos vencellados a Pontevedra”, con especial atención ás súas prazas, riqueza heráldica, lendas e anécdotas. As Ruínas de Santo de Domingo, o Santuario da Virxe Peregrina, a Igrexa de San Bartolomé e a Basílica de Santa María adoitan a ser paradas inescusables nestes itinerarios.

As visitas guiadas terán lugar de luns a sábado dúas veces ao día, con saídas ás 11:00 e ás 18:30 horas ata o 14 de setembro e ás 11:00 e ás 17:30 horas entre o 15 e o 30 de setembro, e domingos e festivos nunha única quenda ás 11:00 horas de xullo a setembro. Trátase de itinerarios dunha hora e 45 minutos de duración, cunha tarifa xeral de 5 euros e reducida de 3 euros para parados, estudantes, xubilados, pontevedreses e familias numerosas, sendo gratuítos para os rapaces de ata 12 anos.

Visitas concertadas para grupos todo o ano

Visit-Pontevedra tamén organiza visitas guiadas concertadas para grupos todo o ano. Para realizalas é preciso reservar previamente na nova Oficina da Casa Consistorial ou a través do teléfono 986 090 890, con tarifas de 90 euros para grupos de entre 10 e 15 persoas, de 115 para os de entre 16 e 30 e de 140 para os de entre 31 e 60. Os percorridos guiados en idioma estranxeiro (inglés, francés ou portugués) incrementarán a tarifa un 10% e as bilingües nun 30%.

Todos aqueles interesados poderán consultar a información completa na páxina web ‘visit-pontevedra.com‘.

A socialista Yoya Blanco amósase entusiasmada co novo punto de información turística e lugar de inicio das visitas guiadas na Casa Consistorial, cuxa planta baixa está a ser remodelada cun investimento de case 18.000 euros que permitiu dotar o edificio da Praza de España de dous mostradores con cuberta, un moble de almacenaxe e dous grandes paneis informativos de Visit-Pontevedra. Asemade, instalarase no exterior do inmoble un elemento de mobiliario de máis de dous metros de altura, a xeito de banco, cun gran símbolo de información, o nome de Pontevedra e unha xardineira protexida por unha malla metálica.

Ante as consecuencias da crise sanitaria que estamos a sofrer con motivo da Covid-19, a concelleira de Promoción Económica e Turismo considera necesario reforzar as campañas de turismo de proximidade “de cara ao último cuadrimestre de 2020 e á conmemoración do inminente Ano Xacobeo”, mediante o deseño de diversas “campañas que axuden a fortalecer un sector gravemente danado pola pandemia, seducir visitantes de rexións próximas nun contexto con novas demandas e dinamizar o movemento turístico ata o noso municipio”. Por este motivo, Yoya Blanco pretende tramitar unha transferencia de crédito de 15.000 euros para dotar de financiamento suficiente á empresa municipal Turismo de Pontevedra “co obxectivo de afrontar os gastos destas campañas e botar unha man ás nosas pemes turísticas”.

A esta achega económica sumarase outra de 30.000 euros, tamén pola vía da modificación de crédito, coa que se dotará ao Servizo de Promoción Económica dunha ampliación orzamentaria que permita organizar actividades de dinamización e apoio do comercio e a hostalería locais. “Este incremento nas contas -avanza Blanco- está orientado a impulsar a recuperación dos negocios de Pontevedra nun contexto de moita incerteza para todos”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

7 + veinte =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.