Alcaldesa e edís de Narón visitaron os Corredores activos instalados na Gándara e A Solaina

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e os edís de Seguridade Cidadá, Román Romero, e Servizos, Ibán Santalla,  desprazáronse esta mañá á Praza da Gándara e á Praza 23 de Novembro, na Solaina, para visitar os dous corredores activos instalados en zonas públicas da cidade

“Esta iniciativa súmase a todo o traballo que se está facendo dende o equipo de Educación Viaria do Concello de Narón a prol da formación nesta materia, tendo moi presente a importancia do papel que as nenas e nenos, dende ben pequenos, xogan na seguridade viaria”, asegurou a alcaldesa, Marián Ferreiro.

Os corredores activos da Gándara e A Solaina complementan aos instalados tanto no interior dalgúns centros educativos da cidade como no exterior –nos colexios do Val e Ponte de Xuvia-, e que se dirixen a alumnado de educación Infantil e Primaria. A través dun percorrido deseñado especificamente para a ocasión os menores “dispoñen dunha zona de saída para camiñar sobre un tramo con semáforos, pasos de peatóns, túneles, animais, sinais de tráfico e indicacións sobre a igualdade, a reciclaxe, e co novo contenedor orgánico de cor marrón que moi axiña se instalará nas rúas da cidade”, apuntou Ferreiro.

O proxecto dos Corredores activos iniciouse en Narón no ano 2018 e na actualidade divídese en tres áreas: os corredores dos centros de ensino, a aprendizaxe a través dunha actividade de robótica cun robot educativo e unha alfombra que están nas aulas e, dende agora, con dous corredores en espazos públicos da cidade. “En definitiva, trátase de rutas que proporcionan información sensorial e de aprendizaxe sobre hábitos e comportamentos orientados á mobilidade e á sustentabilidade, estimulando a aprendizaxe sobre materias que desenvolven durante o curso escolar”, asegurou a alcaldesa.

As nenas e nenos realizan actividade física –saltan, flexionan…- desenvolvendo dun xeito lúdico as súas capacidades psicomotrices e, ao mesmo tempo, as intelectuais, realizando o que para eles é unha especie de xogo dun xeito autónomo e esforzándose en concentrarse para ir avanzando correctamente no percorrido dos corredores activos”, explicou Ferreiro.

A alcaldesa incidiu en que “con este tipo de iniciativas levamos tamén a Educación Viaria fóra das aulas, complementando así á formación dos colexios e concienciando ás nenas e nenos sobre a importancia de respectar os sinais de tráfico, fomentar a igualdade e tamén coidar o noso medio ambiente”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.