Arrancan as obras de mellora da vía de acceso a Tor

As actuacións consisten en completar o ensanche da vía, a pavimentación de todo o tramo e un novo vial ata o Aulario, con novos accesos, unha rotonda e estacionamentos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou de que este xoves arrancaron as obras do proxecto para o acondicionamento da vía de acceso ás instalacións provinciais de Tor, en Monforte, unha actuación que levaba uns dez anos paralizada e que Tomé decidiu reactivar. O importe no que os traballos resultaron adxudicados é de preto de 480.000€ e o prazo de execución de seis meses.

Co inicio das obras hoxe, cúmprense as previsións feitas polo Presidente, quen apuntou no momento no que deu a coñecer o proxecto que os traballos comezarían neste verán.

“Este é un proxecto moi importante polo volume de investimento e pola mellora da comunicación vial para conectar o centro da cidade con este complexo”, afirmou o Presidente, quen subliñou ademais que responde ao compromiso que expresou na súa toma de posesión de impulsar e poñer en valor o complexo de Tor para convertelo nun referente para o sector primario con actividades vinculadas coa produción ecolóxica e a formación universitaria.

“Hai máis de dez anos, no 2009, a Deputación procedeu á mellora do primeiro tramo, que é o que enlaza a estrada provincial LU-P-3207 coa da Xunta, a LU-617. Agora reactivamos este proxecto e completaremos o arranxo da pista, ata chegar ao Aulario do Pazo de Tor”, explicou José Tomé.

Onde está agora parado o ensanche, continuará en liña recta a través dos prados que xa foron expropiados e pagados, que será de nova construción, ampliando tamén a pista existente que accede ó Pazo, nunha lonxitude de 600 metros, entre os puntos quilométricos 2,7 e 3,3.

Ademais, dotarase, tanto ao enlace coa LU-617, como a todo o tramo completo de máis 3 quilómetros, do pavimento definitivo a base de mestura asfáltica en quente.

Pola súa banda, a actuación dentro da finca de Tor consistirá nun novo vial ata o Aulario, con novos accesos, unha rotonda para cambiar o sentido da circulación e estacionamentos para coches e autobuses.

O Presidente da Deputación destacou que esta é unha obra importante porque “queremos impulsar e poñer en valor a finca de Tor”. O Pazo “xa é un referente para o noso turismo. É unha peza clave na Rede Museística Provincial que debemos espremer aínda máis, co fin de potenciar o noso patrimonio”, e o conxunto da finca “ten moitas posibilidades”. “Ao igual que estamos a facer coas instalacións provinciais da Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei, a nosa intención é converter Tor nun referente e nun elemento tractor para o noso sector primario, neste caso poñendo en marcha actividades vinculadas á produción ecolóxica e á formación universitaria”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.