As entradas do ciclo Solpores no Lagoeiro saen á venda este sábado

O poeta e rapero Rayden ofrecerá o vindeiro luns, 3 de agosto, contra ás 21.00 horas, o concerto inaugural da proposta no marco da súa nova xira #LosNuevosAgostos


As entradas do novo ciclo de concertos e espectáculos Solpores no Lagoeiro sairán á venda mañá, sábado 1 de agosto. A través da plataforma www.enterticket.es, o público poderá adquirir as súas entradas para unha iniciativa que, na súa primeira edición, conta cun cartel de luxo conformado por figuras de primeiro nivel do panorama musical e humorístico tanto autonómico como estatal. Rayden, Mikel Erentxun, Luis Piedrahita, Marlango, Fredi Leis, Tanxugueiras, Xoel López e Goyo Jiménez participarán nun ciclo no que o público poderá gozar, a ceo aberto e con seguridade, da cultura.

A Casa do Lagoeiro, situada na Estrada, propón este verán unha nova cita cultural coa idea de ofrecer, tanto á veciñanza da localidade pontevedresa como as visitantes, unha experiencia única ao vivo, de proximidade e apegada á natureza. Cunha capacidade reducida, dun máximo de 220 asistentes por sesión, Solpores no Lagoeiro programa no seu xardín esta proposta, cuxas entradas estarán dispoñibles desde o sábado 1 de agosto a través da plataforma online www.enterticket.es. No caso específico das actuacións dos cómicos Luis Piedrahita e Goyo Jiménez, estas poderanse adquirir, unicamente, de forma presencial nos seguintes recintos: A Casa do Lagoeiro e O Camiño (A Estrada), A Senra Café (Teo) e Ollo de Boi (Portonovo). Poderanse reservar tamén, previamente, a través do teléfono 690.212.767.

A primeira cita será o vindeiro luns, 3 de agosto, con Rayden. O rapeiro madrileño está a ofrecer este verán unha nova xira de concertos, no marco da nova normalidade, á que nomeou #LosNuevosAgostos. A súa parada na Estrada permitirá coñecer algúns dos seus grandes éxitos e tamén as novidades do seu último EP baseado na serie La casa de papel.

O concerto, cuxas entradas xa están dispoñibles desde 22€ a través de Enterticket (no enlace https://www.enterticket.es/eventos/rayden-solpores-no-lagoeiro-434684), comezará ás 21.00 horas pero, á fin de garantir os protocolos sanitarios e de seguridade, a apertura de portas realizarase ás 19.30 horas.

ACCESO AO RECINTO


Solpores no Lagoeiro nace co obxectivo de poder ofrecer, con total seguridade, encontros ao vivo entre público e artistas nunha contorna única, natural e a ceo aberto. Así, para favorecer a realización de eventos culturais seguros, tal e como está a promover o sector, o acceso á Casa do Lagoeiro e ao xardín no que estará o escenario contará con indicacións visuais para facilitar o tránsito ao inicio e durante o espectáculo. O uso de mascarilla será obrigatorio e o público poderá facer uso dos dispensadores de xel hidroalcohólico situados no recinto.

Todas as asistentes sentaranse no recinto en función das entradas adquiridas e por número de convivintes ou unidade familiar. Cada grupo, respectando a distancia de seguridade de 1,5 metros, contará cunha mesa para si, na que o propio servizo do Restaurante do Lagoeiro servirá as bebidas. Deste xeito, quen desexe probar os pratos da carta, na que destaca o produto fresco, como peixes ou marisco, tamén poderá facelo previa reserva, con antelación, no local.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

16 + 5 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.