Bares, vaia lugares! Por @DulceCorcu

Os Gabinete Caligari facían en plena “movida” madrileña unha auténtica oda aos bares na súa canción “Al calor del amor en un bar”, que acabou convertida case nun himno nacional porque unha biblioteca ou museo quizais non, pero os bares son lugares que todos sen distinción coñecemos e frecuentamos. Pero para o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, agora son os culpábeis de todos os males que lle acontecen. Neles orixinouse o xerme do rebrote do coronavirus en A Mariña, segundo di el, e tamén agora son a coartada perfecta para animar á xente que vaia votar o vindeiro domingo. Nun programa estatal matutino, falou do razoable que era manter os colexios electorais abertos se tamén o estaban os bares. Porque finalmente ir tomar unha caña é tan decisivo nas nosas vidas coma elixir o noso representante político para catro anos. 

Xa no mes de maio, a oposición conformada por PSOE e BNG amosaban o seu descontento por unhas eleccións adiantadas que non podían ofrecer garantías para a saúde recén saídos á nova normalidade coma estabamos. Pero Feijóo, na cresta da onda tras sermos a primeira Comunidade Autónoma en estrear ese estatus, nin se prantexou facer outra cousa que non fose emular a Íñigo Urkullu, despois de todo, o verdadeiro artífice da convocatoria e da data electoral tanto no seu país, coma en Galicia. Tanta complacencia foi tornando incertidume a medida que os casos positivos na Mariña medraban, pero non o suficiente para saír a informar  e dar conta detallada do que estaba a pasar nesa comarca. Ao contrario, Feijóo amosou a súa carraxe por tentar facer “política” cun virus, nun alarde de desmemoria cara o que facía el co goberno central non fai nin dous meses. Os grandes estadistas son así, de recordos selectivos, non como a xente do montón que se empeña en cargar cos erros toda a vida. Agora, con todo o poder de decisión e actuación nas súas mans, o presidente da Xunta agocha a cabeza, e minimiza o rebrote que fixo que pechase A Mariña cando o descontrol xa era obvio e notorio. El que se laiaba de que Pedro Sánchez non tiña folla de ruta contra o coronavirus, que pecara de falta de antelación, que Fernando Simón e o ministro de Sanidade Salvador Illa non daban as cifras reais de contaxiados, agora, con todo iso, Feijóo di que a culpa é de dous bares de Burela. Pero coma o do peche de Alcoa, non é que non saiba resolver eses conflictos de tanta trascendencia para a cidadanía galega…é que só pode arranxalos cando teña a certeza da maioría absoluta revalidada. Para poñerse a traballar sempre hai tempo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.