Comezan as obras para reforzar a ponte do río Chamoso en Castroverde

Para acometer os traballos, córtase dende este luns a estrada provincial que une Souto de Torres co polígono industrial da localidade, dende o quilómetro 0,400. Estarán sinalizados os correspondentes desvíos

A Deputación de Lugo comeza este luns as obras para reforzar a ponte situada na estrada provincial entre Souto de Torres e o polígono industrial de Castroverde que salva o río Chamoso. Para acometer os traballos, que teñen un prazo de execución de dous meses, cortarase a vía LU-P-1201 desde o punto quilométrico 0,400. Haberá desvíos debidamente sinalizados. Con esta actuación, quedará completamente rematada a ampliación e mellora da estrada, á que a Deputación destina un investimento total de máis de 380.000€.

O Presidente, José Tomé Roca, responsable directo da área de Xestión Territorial, explicou que esta obra consiste na colocación dun novo paso sobre o río Chamoso con vigas máis resistentes para crear unha ponte máis moderna e que permitirá o paso de vehículos de maior tonelaxe.

Subliñou que as melloras que a Deputación está acometendo nesta estrada que comunica o concello de Castroverde co seu polígono industrial e máis co Corgo e Baralla beneficiarán a centos de veciños da provincia e a empresas da zona.

As actuacións da mellora da ponte sobre o Chamoso inclúen obras que permitirán unha maior capacidade hidráulica para o paso das augas, así como a adaptación á nova normativa legal vixente. Unha vez instalada a nova estrutura desta ponte de 3 metros de altura pavimentarase con aglomerado en quente.

A duración estimada destes traballos será de dous meses e estimase que queden rematadas en setembro, se as condicións meteorolóxicas son favorables.

A modificación da estrutura da ponte sobre o río Chamoso complementa os traballos de mellora da estrada LU-P-1201 que desenvolveu a institución provincial nun treito de máis de 2 quilómetros, entre os puntos 0,5 e 2,28.

Coas actuacións acometidas ata o momento esta estrada dobrou o seu ancho de vía, pasando de ter 4,5 metros aos 8 metros actuais logo de realizar o movemento de terras, a drenaxe transversal mediante a reposición das cunetas con tubos de formigón e a pavimentación con aglomerado en quente no firme.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.