A Asociación Veciñal de Novo Mesoiro decidiu non pasar a cota das persoas socias correspondente a este ano 2020

 A Xunta Directiva da Asociación Veciñal de Novo Mesoiro vén de resolver a exención da cota anual ordinaria ao conxunto de persoas socias da nosa entidade.

A situación de pandemia mundial derivada pola COVID19, da que aínda hoxe seguen a existir rebrotes en zonas moi achegadas ao noso barrio, e a crise económica que está a producir, e producirá durante os vindeiros meses, provocará que moitas persoas e familias teñan unha situación vital moi complicada.

Novo Mesoiro é un barrio composto por familias traballadoras, que xa sufriu o impacto da perda de postos de traballo consecuencia do paulatino peche das industrias da nosa comarca, Isowat, Hércules de Armamento, Meirama, Alcoa-Alu ibérica etc, ou do sector do telemarketing e centros de chamadas.

Desta realidade non pode illarse a Asociación e, por tanto, cremos máis que oportuno non pasar a cota das persoas socias correspondente a este ano 2020. Cremos que é o noso deber.

Esta exención non nos eximirá de que continuemos coa nosa actividade cotiá, preparando, dentro das limitacións previstas pola lexislación e a regulamentación aprobada a nivel autonómico e estatal, nomeadamente no que ten que a ver coas medidas de distanciamento social, a celebración de actividades e eventos. Mais, como é lóxico, temos que adiar a celebración das Festas de Verán, pola súa magnitude, e que este ano tiñamos previstas para a fin de semana entre o 28 e 30 de agosto, trasladando o evento para o 2021, do mesmo xeito, para a última semana de agosto.

Co desexo de que a normalidade social sexa, xa, unha realidade para a volta do verán, quedamos pendentes, se é posíbel, de organizar a actividade do Magosto Samaín que realizamos na contorna da primeira fin de semana de novembro e a actividade dos Xogos Lúdicos, a realizar na fin de semana previa ás vacacións de Nadal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

2 × 2 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.