Concello de Marín: “A aposta polo local e pola diversificación da programación, un acerto para celebrar un Carme diferente e seguro”

As concelleiras Marián Sanmartín e Raquel Soage fixeron esta mañá un balance das festas, destacando a enorme responsabilidade coa que se comportou a veciñanza. Ademais, adiantaron que o 15 de agosto haberá Festa Corsaria, en cuxas medidas están traballando, e que durante estas semanas haberá dinamización cultural polas rúas

As concelleiras Marián Sanmartín e Raquel Soage, encargadas da xestión das Festas, reuníronse esta mañá para realizar un balance da semana das Festas da Virxe do Carme despois do seu día grande e de que os festexos tiveran que adaptarse á situación tan excepcional e delicada que estamos a vivir por mor da crise sanitaria da Covid19.
Para o Goberno local, a valoración é “moi positiva”. “Dentro do que puidemos facer, a xente respondeu moi ben, non se produciu ningunha incidencia e toda a veciñanza que participou dos actos programados comportouse con moitísima responsabilidade”, asegurou Sanmartín.

A aposta polo pequeno formato e pola diversificación das actividades para evitar aglomeracións nun punto específico da localidade deron moi bos resultados, puidendo desta forma manter a realización de festexos a menor escala, co motor económico que tamén supoñen para o comercio e a hostalaría locais, á vez que se cumpriu con todas as medidas de prevención e hixiene recollidas no decreto de nova normalidade.

Agora, segundo adiantou Sanmartín, “xa estamos traballando nas demais actividades de dinamización cultural que se realizarán durante as próximas semanas”, tratando de pechar novas actuacións musicais polas rúas e prazas.

“Así a todo, iremos anunciando pouco a pouco estas actividades porque queremos ir acompasados coa situación sanitaria en cada momento, sempre estando moi atentos dos datos e das indicacións das autoridades pertinentes”, afirmaron as concelleiras.

Haberá Festa Corsaria

Outra das cuestións que Soage e Sanmartín adiantaron esta mañá é que Marín si que terá Festa Corsaria o 15 de agosto, para a cal estase traballando co obxectivo de poder realizala, tamén, seguindo a filosofía do pequeno formato que tan ben funcionou no Carme.

“Imos permitir que se coloquen mesas, pero estamos traballando nos requisitos que deberán cumprir con respecto ao aforo máximo, ás distancias mínimas… Queremos que todas as medidas queden claras para garantir a seguridade e a tranquilidade da veciñanza”, insisten.

Tanto a feira de artesanía como a “Vila mariñeira” estarán, pero non se permitirán os postos de venda de comida na Alameda. Por outra banda, tampouco haberá o espectáculo final, pero proporase outras alternativas que eviten a concentración de xente nun mesmo punto.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.