Descende un 19,4 % o número de denuncias presentadas por violencia de xénero en Galicia

Os xulgados galegos recibiron no primeiro trimestre do ano 1.397 denuncias por violencia de xénero, un 19,5 % menos que no mesmo período do ano pasado, cando se presentaron 1.736. A gran maioría das denuncias (1.060) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima. Descende tamén o número de mulleres que aparecen como vítimas, ao pasar de 1.520 nos tres primeiros meses do ano pasado, ás 1.370 deste, o que supón unha diminución do 9,9 %. Tanto a baixada do número de denuncias como de vítimas reflicten a incidencia da crise sanitaria da COVID-19, a pesar de que a actividade dos xulgados de violencia sobre a muller foi declarada esencial e non quedou afectada pola suspensión dos prazos procesuais nin paralizada en ningún momento.

Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), en Galicia os casos de vítimas que se acolleron á dispensa para non declarar aumentou un 62,7 %. Se nos tres primeiros meses de 2019 optaron por esta opción 75 mulleres, no mesmo período de 2020 fixérono 122, é dicir, o 8,9 % das vítimas.

Galicia situouse como a segunda comunidade coas taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) máis baixa do Estado, con 9,8 persoas, fronte ás 14,4 de media estatal. Durante o primeiro trimestre do ano solicitáronse 529 ordes de protección nos órganos xudiciais da comunidade, fronte ás 433 de 2019, o que supón un aumento do 22,2 %. Das 529 adoptáronse 360, o 68,5 %.

O 79,9 % das persoas axuizadas na comunidade galega por delitos relacionados con violencia de xénero entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo deste ano foron condenadas. Este dato sitúa á comunidade por baixo da media estatal, que é do 87,26 %.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.