Dous programas de emprego na provincia de Lugo que beneficiarán a 32 persoas mozas

Ribadeo e Barreiros desenvolverán a iniciativa ‘Vencellos da Memoria’ e Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil promoven o proxecto ‘Montañas do Courel’

A Xunta de Galicia vén de resolver a posta en marcha de dous programas de emprego para persoas mozas na provincia de Lugo, que beneficiarán a 32 menores de 30 anos e suman un investimento de 739.000 euros.

En Lugo foron seleccionados os programas Vencellos da memoria, promovido pola agrupación de concellos de Ribadeo e Barreiros; e Montañas do Courel, impulsado por Folgoso do Courel xunto con Quiroga e Ribas de Sil. Cada un deles terá 16 persoas alumnas e conta cun orzamento de 369.500 euros.

Á hora de aprobar os programas definitivos tivéronse en conta criterios como que o municipio beneficiario fose resultado dunha agrupación, fusión ou que se tratase dun Concello Emprendedor. Tamén se valorou que os proxectos estivesen relacionados coas TIC e coa economía dixital e que gardasen relación co tecido empresarial do territorio, así como as posibilidades de inserción laboral.

Está previsto que ao longo do mes de xullo se activen estes programas, para o que será necesario levar a cabo unha selección dos participantes a través das oficinas de emprego, nas que se terá en conta a idade, a experiencia laboral previa, a permanencia en situación de desemprego ou o nivel de cualificación. Darase prioridade a aquelas persoas mozas que non recibiran previamente atención por parte do Sistema nacional de garantía xuvenil.

O alumnado obterá formación e disporá dun contrato de traballo. Deste xeito, os programas melloran a empregabilidade das persoas que toman parte nelas a través da formación, á vez que se realizan actuacións de mellora das dotacións públicas e a prestación de servizos de interese xeral e social no eido local.

Os participantes percibirán un salario durante a súa participación na actividade ao longo de 12 meses -este ano unha das novidades foi a ampliación do programa dos 6 aos 12 meses-. A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiará o 100% do salario mínimo interprofesional e a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.

A Xunta aposta pola formación e a cualificación dos galegos e galegas como unha das claves da recuperación económica poscovid-19. De feito, a nova Axenda de emprego -que prevé mobilizar máis de 225M€- contempla a formación como unha das súas prioridades.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.