Eu non son esa. Por @DulceCorcu

Os máis novos do lugar non lembraredes a Mari Trini, unha cantante pouco convencional naquela época recén saída da ditadura, que cantaba ao feminismo e a un amor que nada tiña que ver co que se estilaba entón, onde as mulleres só eran apéndices do marido ao que servir e coidar, única meta da súa realización persoal. En “Yo no soy esa” renega de todo iso, e clama por unha liberdade onde non é nin sumisa, nin servil, nin acomodada ao que outros agardan dela. Vén a conto esta canción porque, despois do resultado electoral, foron moitas as lecturas feitas sobre todo, fóra do noso territorio. A inapelable vitoria de Alberto Núñez Feijóo, ensombreceu a outra tamén vitoria inapelable de Ana Pontón e o BNG, que finalmente non abondou para que algún cambio se produxese en San Caetano.

A un sector da esquerda española, e tamén a moitos usuarios de redes sociais, faltóulles tempo para amosar o seu estupor, a cegueira duns galegos e galegas que non mudan nunca de costumes, implacables no seu apego pola dereita dun Feijóo cuxo mérito máis salientable nos seus once anos de goberno foi non facer nada. Nada bo polo menos. Que resulte incomprensible enténdese, tamén o é para moitos dos votantes, que tiveron unha ilusión real que finalmente quedou truncada. A iso houbo que enfrontarse na mesma noite electoral, pero quizais non andabamos preparados para o desprezo e o descoñecemento español. Porque o insulto foi algo xeralizado en redes sociais, con grandilocuentes mensaxes apelando ao noso endémico paletismo, ó xen aldeán que nos imposibilita para tomar decisión correctas, á falla de sangue nas veas, que nos ten mustios todo o día mirando como pastan as vacas, en lugar de estar nas rúas combatendo e pelexando contra o cacique. Galegos apesebrados sen conciencia ningunha, que se deixan asoballar con gusto, que premian ao incompetente e negan a quen quere construír algo mellor. É a mensaxe que enviamos fóra, a eses outros españois tamén gobernados en moitos casos polo mesmo partido ao que pertence Feijóo, pero que só atopan iso estraño cando acontece en Galicia. Quero dicir que eu non son esa. Que non son a que eles imaxinan, a que sempre perdoa aínda que a abandoen. Quero dicir que non me conformo, nin me axeonllo. Non son esa que perde a esperanza, nin que se acobarda diante dunha borrasca. Quizais non sexa abondo para dar a volta ao que parece inamovible…pero quedar quietos tampouco é unha opción para unha gran meirande parte dos galegos e galegas. Que non saiban velo alén o Padornelo, tamén pode ter título de canción: Non me importa nada.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.