Ferrol e a asociación de municipios da ruta xacobea avanzan na organización da Primavera no Camiño

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, reuniuse esta mañá coa xerente da entidade, Cristina García, para adecuar a próxima edición á nova situación xerada pola covid-19

O Concello de Ferrol e a Asociación de Concellos do Camiño Inglés avanzan na organización da próxima edición de Primavera no Camiño, da que Ferrol será cidade organizadora e anfitriona este ano. A xornada, destinada a promover a ruta xacobea e que cada ano se celebra nunha das localidades polas que pasa o Camiño Inglés, tivo que ser suspendida pola crise sanitaria xerada pola covid-19 e, se as circunstancias o permiten, retomarase de cara ao outono, previsiblemente para o mes de outubro.

Na mañá de hoxe a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, e a xerente da Asociación de Concello do Camiño Inglés, Cristina García, mantiveron unha reunión no pazo municipal na que acordaron fixar nos próximos días a data da celebración e aproveitaron para visitar posibles localizacións para acoller a cita. “A nosa vontade”, explicou a edil, “é teña lugar nun espazo polo que pase a ruta ou, ao menos, preto”. No encontro de hoxe tamén analizáronse outros aspecto relacionados coa organización da xornada, que por vez primeira organizará o Concello de Ferrol e a Asociación de Concellos do Camiño Inglés —ata o momento facíalo a Deputación— e para a que se establecerán protocolos de actuación para o cumprimento das indicacións de protección e seguridade establecidas polas autoridades sanitarias. A concelleira explicou que o fin da xornada é que cada concello “promocione o seu patrimonio e gastronomía para que entre todos deamos a coñecer o Camiño Inglés”.

Ademais, Martínez Montero aproveitou a reunión para trasladar á xerente da entidade a proposta feita polo Ateneo Ferrolán e asumida polo Concello para que a ruta sexa considerada Patrimonio Mundial da Unesco. Tamén acordaron poñer en común o número de prazas hoteleiras en cada municipio participante e aspectos comúns do perfil do peregrino.

Mañá, nova reunión do Grupo de Traballo do Camiño Inglés

Mañá terá lugar unha nova reunión do Grupo de Traballo do Camiño Inglés, un órgano creado a finais do pasado ano polo Concello de Ferrol, a través das concelleiras de Turismo, María Teresa Deus, e de Patrimonio Histórico, Eva Martínez, co propósito de poñer a punto Ferrol de cara ao próximo ano Xacobeo 2021. Entre outros asuntos, ambas edís poñerán en común coas entidades que participan no grupo diversas iniciativas en torno ao Camiño, entre elas as actividades na primeira milla.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.